Igrexa de Santa María de Rutis

Esta parroquia linda coa do Burgo e o concello da Coruña, aínda que non é a de maior extensión, é a máis poboada do municipio. Posúe dúas igrexas, a antiga igrexa de Sta. María de Rutis, edificio de orixe medieval, e a actual sé parroquial, en Vilaboa, construída nos anos 60.

A súa existencia aparece documentada desde o século IX, no Tombo Compostelán, datado por López Ferreiro no ano 830 e que López Alsina situou en 860, que asigna unha serie de 65 igrexas á sé iriense:

"...in comisso de faro ecclesia sce. marie in conduzo. sca. eulalia in carolio. scm. petrum in laetronio. scm. tirsum in oseyro. ..."

É obvio que isto non significa que o templo que chegou ata os nosos días pertenza a esta data, a igrexa de Sta. María de Rutis foi erixida a mediados do s. XII. Como ocorreu coa maioría das nosas igrexas medievais, foi reformada en varias ocasións, a última en 1817. Hai uns anos acometéronse obras de consolidación e limpeza, xa que os arcos do obstad cederan e foi preciso a colocación de tirantes que asegurasen a súa conservación. Ademais, pechouse unha gran fiestra que fora aberta no fondo do testeiro, substituíndoa por unha abucinada e de menores dimensións máis acorde coa construción románica.


Arquitectura

A súa orientación dispón a ábsida cara ao leste, para recibir a primeira luz do día, símbolo da vida e os pés ao oeste, cara ao ocaso, símbolo da morte. A planta consta dunha nave única rectangular e obstad cuadrangular a esta formulación engadíuselle posteriormente un anexo no muro norte para acoller a sancristía.

Exterior.

Os muros foron levantados con sillares de granito, a obra de cantería de mellor calidade pertence a época medieval, xa que na reformas posteriores recorreuse á pedra de menor tamaño e corte irregular, exceptuando a fachada.
Como podemos deducir da observación dos muros, a construción románica cínguese ao testeiro e parte da nave no muro norte ata a porta lateral, e o sur conservou tramo maior. A reforma da fachada obrigou a reedificar parte da nave, momento en que debeu ser prolongada a súa lonxitude para dar máis amplitude ao templo.
A maioría dos templos levantados ou reformados desde o século XVII utilizan a mampostería, neste caso a fachada levantouse íntegramente en sillería de moi boa factura que ennobreceu o edificio.
A igrexa conta con dúas portas laterais con arcos de medio punto, a porta do lenzo norte foi tapiada. Ademais abríronse varias seteiras nos muros laterais que non corresponden coa época da primeira construción.
O edificio cóbrese con tellado a dúas augas, e só conservamos unha parte do texaroz románico no muro norte, con moldura simple. Os canzorros están moi erosionados, con traza en proa e nacela, tan só un parece presentar outra decoración como rol, pero perderon gran parte do relevo.
O detalle escultórico máis interesante é o agnus dei situado sobre o piñón da cabeceira, a representación do cordeiro pascual porta unha cruz no seu lombo e sen dúbida pertence á construción medieval. O historiador Ángel del Castillo, no Boletín da Real Academia Galega de setembro de 1917, cita a presenza dunha palmeada sobre o remate do muro piñón da nave, pero esta desapareceu.
A fachada é de estilo neoclásico, sen concesións decorativas nin motivos escultóricos que impidan unha visión global da súa estrutura constructiva. Está dividida en tres rúas por catro pilastras de pouco resalte que percorren a totalidade da altura do imafronte; levántanse sobre plintos lisos, os dous exteriores rematados en molduras e no extremo do muro dous pináculos piramidais. Na rúa central ábrese a porta principal adintelada, e sobre ela unha ampla fiestra que ilumina o interior da nave.
A espadana levántase sobre unha cornixa moldeada, é esvelta e elegante, con dous arcos de medio punto para as campás e remataba con tres pezas de cantería da mesma factura que as dos extremos da fachada, na do centro lucía unha cruz de metal. O cemiterio parroquial foi realizado fronte á porta principal afogando a visión da fachada, impedindo obter unha perspectiva completa.

Interior:

O ábsida románica é a parte máis interesante do templo. Accédese a ela a través dun arco de medio punto bastante rebaixado debido a que os muros laterais cederon abríndose na parte superior. Presenta dúas grosas columnas apoiadas de fuste liso e con baseas decoradas con garras. Os capiteis atópanse entre os mellor esculpidos das igrexas románicas de Culleredo, son relevo acusado, de moito vulto, con follas rematadas en espiral, ordenadas en dous niveis. No ábaco de ambos capiteis hai chuspidas figuras de animais fantásticos monstruosos, máis claros na columna dereita


Imaxinería

Non se conservan imaxes de interese nesta igrexa, son todas de adquisición recente, talvez o motivo foi o saqueo a que se viron sometidas as igrexas da zona polas tropas francesas en 1809.