Igrexa de Santiago de Castelo

Santiago de Castelo reproduce a tipoloxía característica das igrexas rurais erixidas durante os séculos XVII e XVIII, como o son tamén a de Ledoño, Veiga, ou Sésamo. Ademais do templo parroquial esta parroquia posúe unha ermida dedicada a S. Ramón, levantada no lugar onde existiu unha dedicada á Virxe do Vao.

Arquitectura

A planta consta de dous corpos apenas diferenciados, nave e ábsida, aos que posteriormente engadiuse un anexo para destinalo a sancristía.

Os muros son de mampostería, reservando o emprego de sillería de granito para os puntos constructivos máis críticos: portas, fiestras, espadana e esquinais. Tan só os elementos realizados en cantería deixáronse á vista os demais foron recebados e encalados.

A fachada acolle a porta principal e unha fiestra que permite iluminar a nave. As xambas da porta son de sillares ben labrados, e prolónganse ata a fiestra situada sobre ela, continuando ata a parte superior do imafronte en dúas faixas verticais.

A única concesión ornamental que conta a fachada constitúea o seu remate e espadana que acubilla dúas campás e é coroado por un catavento de metal e unha cruz.

O interior correspóndese coa sobriedade do exterior, unha espazosa nave separada da capela maior por un amplo arco de medio punto moldurado que presenta unha discreta imposta no seu arranque.

 

Retablos

Retablo Maior:

Un retablo ocupa totalmente o fondo da capela. Presenta un corpo central que avanza sobre os laterais, que apenas sobresaen da liña do muro. Referirémonos ao corpo central como un retablo independiente, xa que os elementos laterais son un engadido.

Levántase sobre unha predela e consta de corpo dun nivel e ático. Catro columnas xónicas dividen o cuerpo principal en tres rúas, dúas menores e unha central máis ancha cunha fornela refundida baixo un arco de medio punto e con cuberta de cascarón nervada. O ático levántase sobre un entablamento moldurado, cunha única fornela, tamén arcada, entre dúas pilastras unidas por un entablamento rematado por molduras curvas que se xuntan no centro. Dúas guirnaldas douradas unen o ático e os extremos do corpo principal, rematado nos extremos por dous xarróns decorativos.

O retablo é de estilo neoclásico e, aínda que pervivan resabios barrocos, soubo plasmar o espírito dezaoitesco da Ilustración imposto desde a Academia de S. Fernando. Esta institución era clara nos seus postulados sobre técnica e materiais, excluíndo o emprego da madeira policromada en favor de materiais nobres como a mármore. Neste retablo temos unha das solucións máis recurridas polos escultores galegos; todo o conxunto foi pintado en tonos brancos veteados, imitando a cualidade da mármore, e sobredourando os elementos decorativos como molduras, capiteis e remates.

 

Imaxinería

O retablo acubilla en total oito imaxes, pero a mayoría son recentes; destaca o Santiago Peregrino situado na fornela central, S. Brais e S. Xosé. Ningunha delas puido ser datada documentalmente por non figurar nos libros parroquiales.

S. Brais é representado coa mitra e botándose a man á gorxa, símbolo do poder curativo para estes males. A escultura de S. Xosé é unha talla popular cargada de inxenuidade, resaltando polo seu aspecto robusto e hierático. O Santiago Peregrino móstrase en actitude de camiñar, respectando todos os atributos que lle son propios. bordón, chapeu de á ancha, zurrón, ...

Santiago matamouros: Imaxe procesional de Santiago ecuestre, iconografía moi estendida en Galicia desde o século XVIII, moi similar á do Burgo, aínda que proveña dun período máis serodio. Esta de Castelo data de 1877, o seu estado de conservación é malo, precisaría dunha limpeza e repintado.

Virxe do Corpiño: Do mesmo xeito que a anterior non permanece exposta permanentemente na igrexa. Foi adquirida a un artista santiagués en 1791. O máis curioso desta representación da Virxe é a vestimenta pola vella das mulleres da época.