Arquitectura Pacega

En Culleredo existen numerosos pazos, casas solariegas e quintas de recreo, espalladas por todo o concello. As súas tipoloxías responden a períodos históricos diferentes; así, o exemplo máis antigo o temos na Torre de Celas, e os máis recentes nas quintas e vilas construídas a principios de século XX en áreas próximas á Coruña, como Alvedro e Vilaboa.

O concepto de pazo abarca todo aquel edificio levantado no ámbito rural, para residencia temporal ou fixa de familias nobres, de proporcións que superan notoriamente ao resto das vivendas do lugar e que presentan trazos suntuarios que as diferencian das casas campesiñas.

O pazo é o símbolo da sociedade estamental do antigo réxime; a partir do século XVI comézanse a construír mansións encostadas ás antigas fortalezas (como é o caso do antigo Pazo de Celas), á vez que se levantan residencias de nova planta. Representan un novo modo de vida no campo, estes edificios exaltaban a grandeza da liñaxe familiar, e a súa función era o control do señorío xurisdicional, base económica dos pazos, que dependía das rendas, recadación de impostos, produción agrícola, actividades mercantiles, peaxes, ...

Os séculos XVII e XVIII supoñen un cambio na nobreza galega e consecuentemente na funcionalidade dos pazos. Asistimos ao florecemento das cidades e moitos nobres séntense polo ambiente cosmopolita, abandonando as súas mansións no campo para adquirir vivendas máis cómodas nos núcleos urbanos. Normalmente non abandonan totalmente a casa familiar, habitando nela durante a época estival e mantendo o control sobre as súas posesións. Os nobres xa non dependen exclusivamente do seu patrimonio no campo, intégranse en profesións liberais, a administración do estado ou realizan actividades mercantíes. Debemos achacar ás clases poderosas galegas a falta de dinamismo na canalización da súa riqueza cara a investimentos que impulsasen o desenvolvemento da economía galega.

Outro tipo de vivendas son as popularmente denominanadas "casas grandes". Son granxas de campesiños que, sen xurdir dunha familia nobre, acadarán unha certa posición social a base de axuntar propiedades dos seus antepasados e adquirir novos terreos, pero sempre ligados a unha economía baseada nos labores agrícolas.

Os últimos anos do século XVIII e de forma decisiva o século XIX, marcará o ocaso dos pazos, a agricultura perde rendibilidade e a nobreza se aburguesa. Aínda que os pazos como arquitectura perviven, como institución desaparecen ao perder o poder económico e social que os creara. Este fenómeno acentúase e moitos dos nobres vense obrigados a vender as súas propiedades para manter o seu nivel de vida nas cidades, outros conservarán só a casa solariega, como símbolo dun esplendor pasado.

Nos séculos XIX e XX a burguesía substituirá á nobreza, pero esta nova clase social creará os seus propios modelos constructivos: son as casa de verán, quintas e vilas que, aínda que non posúan grandes terreos na súa contorna son máis acordes aos gustos e comodidades modernas.

Os pazos presentan unhas características arquitectónicas comúns como son a utilización de materiais nobres na construción: o granito, madeira de castiñeiro, carballo ou foráneas ... Adoitan contar cun recinto amurallado que percorre a totalidade da finca onde se sitúan os diferentes edificios que compoñen o pazo: capela, nos casos de pazos máis ricos; adegas; cabaleirizas e cuadras; vivenda para guardeses; hórreo, pombal, pozo, fontes e xardíns.

O edificio central loce sempre na súa fachada o escudo, e en ocasións os das diferentes pólas da familia. Adoitoa contar cunha portada solemne, con escalinata monumental de pedra, un balcón voado, porches ou galerías. O edificio consta normalmente de dúas plantas e "faiado" ou desván; a planta baixa destínase ás dependencias comúns como comedor e cociña, e pode acoller tamén as habitacións dos criados; na segunda planta atópanse os dormitorios e salóns; o desván realiza as funcións de trasteiro e de secadoiro. Algúns elementos ornamentais característicos dos pazos son os reloxos de sol, balaustradas de pedra, esculturas diversas, saedizos, patín, reixerías, grandes chemineas, ...

Culleredo era un lugar privilexiado de veraneo a principios do século XX; así describía Vilaboa o historiador Ángel del Castillo:

"..., val delicioso e encantador que fertiliza o regato Muíño e que limita polo seu O e S coas alturas cultivadas e cheas de arbolado nas súas saias. A fermosura deste lugar, a súa abundancia e as súas sombras fixeron del unha estación estival, sendo numerosas e cómodas e elegantes as casas e quintas de recreo con que conta."

Destacaremos algúns dos pazos de Culleredo:



Pazo de Lembeye (Liñares)

O edificio presenta dous corpos cunha disposición en "L" , con balconadas e solaina sobre soportal. Foi restaurado recientemente, acondicionándoo para o seu habitabilidade. Pertenceu á familia do insigne investigador Juan Lembeye, que escribiu obras como: "Aves de la isla de Cuba", A Habana, 1850 e "Consideraciones y consejos agrícolas para mejorar las cosechas de trigo en Galicia y perfeccionar los abonos", Santiago, 1885. Morreu en 1889. Os seus restos descansan no cemiterio parroquial de Culleredo.

Pazo de Vilaboa

Tamén denominado de Torres Taboada. Foi levantado sobre os restos dunha antiga casa, propiedade dos Castro do Pazo de Mende, que estenderan as súas posesións polas Mariñas coruñesas. Foi adquirido por D. Alvaro de Torres Taboada, a quen debemos o seu actual aspecto, que construíu a nova residencia evocando as antigas fortalezas galegas. Torres Taboada mantiña estreitas relacións con Dona Emilia Pardo Bazán, á cal asesorou na construción do Pazo de Meirás, cun deseño moi similar a este. Sabemos que este home tamén costeou a imaxe da Virxe nas inmediaciones do Santuario de Pastoriza (Arteixo).

A edificación foi realizada no século XIX, aínda que parece ser moi anterior, polos torreóns e ameas que percorren a parte superior do edificio. A fachada ábrese a unha explanada con grandes árbores e un cruceiro, está rodeada por un falso foxo circundado por cadeas e salvado por unha escaleira de pedra serve de acceso á planta baixa que no seu vértice mostra un imponente torreón circular.

 

Pazo de Culleredo (Tarrío)

Na actual capital municipal, o seu estado de conservación é lamentábel, ameaza ruína. Levantado no século XVIII por D. Juan Sánchez do Piñeiro, natural de Comillas (Santander), o cal posuía ademais unha casa blasonada na Rúa Real da Coruña. É un edificio de boa sillería de granito, fachada de liñas simples e paramentos sobrios; nela pódese ver sobre un frontón curvo o escudo de armas familiar. Aínda se conserva a escaleira con balaustrada de pedra que serve de acceso á planta principal do edificio.

Pazos dos Ferrer (ou Curro)

Edificio a escuadra que loce unha solaina orientada ao sur sobre ménsulas de granito. Loce unha fermosa peza heráldica de pedra coas armas dos Bermúdez, Vilardefrancos, Castro e Rioboo.

Outros pazos

Outros pazos e casas blasonadas son: Pazo de Vigovidín, Pazo de S. Fernando, Pazo dos Vales, Casa da Torre, Quinta de Fontemaior, Casa da Picota, Casa de Outeiro de Sésamo...