Retablos

Retablo Maior:

Un retablo ocupa totalmente o fondo da capela. Presenta un corpo central que avanza sobre os laterais, que apenas sobresaen da liña do muro. Referirémonos ao corpo central como un retablo independiente, xa que os elementos laterais son un engadido.

Levántase sobre unha predela e consta de corpo dun nivel e ático. Catro columnas xónicas dividen o cuerpo principal en tres rúas, dúas menores e unha central máis ancha cunha fornela refundida baixo un arco de medio punto e con cuberta de cascarón nervada. O ático levántase sobre un entablamento moldurado, cunha única fornela, tamén arcada, entre dúas pilastras unidas por un entablamento rematado por molduras curvas que se xuntan no centro. Dúas guirnaldas douradas unen o ático e os extremos do corpo principal, rematado nos extremos por dous xarróns decorativos.

O retablo é de estilo neoclásico e, aínda que pervivan resabios barrocos, soubo plasmar o espírito dezaoitesco da Ilustración imposto desde a Academia de S. Fernando. Esta institución era clara nos seus postulados sobre técnica e materiais, excluíndo o emprego da madeira policromada en favor de materiais nobres como a mármore. Neste retablo temos unha das solucións máis recurridas polos escultores galegos; todo o conxunto foi pintado en tonos brancos veteados, imitando a cualidade da mármore, e sobredourando os elementos decorativos como molduras, capiteis e remates.