A Casa Rosa, emblemático inmoble do Burgo, engrosa desde hoxe a lista de espazos que o Concello de Culleredo dedica a servizos sociais. Cumprindo o compromiso que no seu día adquirira co fundador da Asociación Pro Enfermos Mentais (APEM), José Luís Muruzábal, falecido o ano pasado, o goberno local cede a Casa Rosa para que se converta nun centro de rehabilitación para persoas con enfermidades mentais.
O alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, e a presidenta de APEM, María Antonia Pérez, asinaron hoxe o convenio para cesión do uso do inmoble. Ao acto acudiu tamén a concelleira de Benestar Social, Lupe Pombo, así como diversos representantes da asociación.
"É un gran paso para nós, moi importante", afirmaba tras a firma a presidenta de APEM. A Casa Rosa será, tras o da Coruña, o maior centro de rehabilitación da entidade.
Sacristán confesaba sentirse "moi feliz" por conferir esta nova vida ao inmoble, "un espírito social que sempre caracterizou a Culleredo". O alcalde lembrou cando nos 80 acordou a compra do espazo e considera que será "idóneo" para os labores dos profesionais de APEM.
A Casa Rosa pasará a ser un centro de rehabilitación psicosocial e laboral de persoas con enfermidades mentais. Incluirá unha vivenda de transición á vida autónoma coa finalidade de promover a adaptación dos usuarios á vida independente.
A concesión do inmoble municipal non leva aparellado ningún tipo de canon a APEM. A súa utilidade pública e o interese xeral do servizo que alí se ofertará levan ao equipo de goberno a efectuar esta concesión gratuíta.
A concesión efectúase por unha duración de 25 anos, que serán prorrogables ata os 50. Será APEM a encargada de levar a cabo as obras necesarias para adaptar a Casa Rosa ao que requira a creación do novo centro.
Neste sentido, os responsables de APEM manifestaron a súa intención de pór a funcionar o centro "canto antes". O alcalde púxose a disposición da entidade para atender as necesidades que se lles presenten.
A presidenta de APEM resaltou así mesmo a situación sobresaliente da Casa Rosa, en pleno núcleo urbano, con boas comunicacións e con tecido comercial, para a integración dos usuarios. Tamén destacou a existencia de xardín, unha ferramenta máis para o seu traballo.
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER