Na Alta Idade Media Culleredo aparece nos documentos a través de varias igrexas. Un documento do ano 830 menciona as de Santa María de Conduzo (Rutis), San Pedro de Ledoño e Santaia de Carollo (Sésamo), subsistindo esta última como hermida cando menos ata o século XVII. Algunha destas igrexas, como a de Conduzo e a de Carollo, pasarían logo a formar parte do patrimonio do primitivo mosteiro de Sobrado, por doazón dos seus fundadores, o conde Hermenexildo, a condesa Paterna e o seu fillo, o bispo de Iria Sisnando, no ano 966. Sabemos que a igrexa de Carollo (Carolio na documentación da época) lla mercara Sisnando ao crego Florencio, o primeiro de Culleredo do cal coñecemos o nome.
Poucos anos despois, en 971, volven a facer doazón das mesmas igrexas, incluíndo ademais a vila de Orria (Orro). Esta doazón sería confirmada, en data incerta, polos reis Ordoño e Ramiro e a súa nai, a raíña Tareixa.
Tamén no século X aparece na documentación Almeiras, onde vivían homes de condición libre, chamándoselle na documentación ao lugar Alumenariis.
A toponimia cullerdense fornécenos tamén moitos nomes de raíz xermánica, aínda que comezaron a usarse nestes séculos: Alvite, Ternande, Sueiro, etc.
Existe a teoría de que Celas puidera ser nestes séculos ou ben unha área de eremitorios, nos que vivirían eremitas pechados en celas, ou ben puido existir un mosteiro, do que non quedaron vestixios. O mesmo acontece no lugar de Ermida de Ternande, tamén en Celas, A Hermida, en Culleredo, e outra ermida que aparece na documentación de Almeiras.
No século XII aparece con forza na documentación o chamado Burgo de Faro, seguramente xa existente nos séculos IX e X. Importante núcleo urbano ( tense dito que a mediados do século XII só as cidades episcopais, Allariz e O Burgo son os únicos enclaves urbanos en Galicia, nel asentáronse os templarios e a catedral de Santiago, que tiñan a partes iguais o lugar, e o mosteiro de Sobrado, con moitas posesións e rendas, entre elas os muíños da Acea da Ama.
Ao Burgo de Faro chegaban barcos con mercancías e peregrinos do norte de Europa. Foi moi protexido por Afonso VII e Fernando II.
No século XII documéntase a existencia dunha confraría de alfaiates (xastres) baixo a advocación de San Miguel, que sería unha das primeiras dos reinos cristiáns.
A fundación de A Coruña, a comezos do século XIII, marcaría o comezo do declive do Burgo, aínda que os templarios seguírono potenciando ata a súa desaparición, no ano 1312.
Nesta época constrúense boa parte das igrexas cullerdenses existentes na actualidade, e algunhas xa desaparecidas, como a de San Pedro de Vilaboa ou a de San Xoán da Choeira.
Desaparecidos os templarios, Culleredo formará xa totalmente parte do alfoz da cidade de A Coruña, dependendo dela para todo. Mesmo algúns dos nosos cregos pertencían á confraría que agrupaba ós coruñeses, a de Todos os Santos.
Só se producen algúns problemas coa pequena nobreza local, os Becerras do Val de Veiga, cuxo patriarca, Martiño, que tiña numerosos escudeiros e homes ao seu servizo, edifica a Torre de Celas, polo cal sostén un preito a finais do século XIV coa cidade coruñesa. Esta fortaleza sería atacada, na segunda guerra irmandiña, sendo derrubadas as súas ameas.
Tamén a toponimia aporta moitos nomes de época medieval: Donepedre (Domnus Petrus= don Pedro), Vilaboa (Villam bonam), Vilaverde (Villa Viridii= vila de Viridio), etc.