Arquitectura popular

A arquitectura popular desenvolvida en Culleredo resumese nos seguintes tipos de construccións:

Vivendas campesiñas

Existen en Culleredo dúas tipoloxías predominantes: a da zona rural e a das parroquias do litoral.

As primeiras caracterízanse por formaren un conxunto composto pola casa, hórreo, pozo, forno, cuadras, alpendres, etc. Hainas de planta baixa, de dous andares, etc. A pranta baixa se dedica normalmente aos animais e a gardar os apeiros de labranza, mentres que a alta, o sobrado, a vivenda. Algunha delas conserva balcóns de corredor, patíns e galerías. Non é estraño tampouco o caso de pequenas vivendas labregas con grandes chemineas que se rematan en pináculos.

As da zona litoral (parroquias de Rutis, O Burgo e Almeiras) adoitan ser tamén dun ou dous andares, moitas con galerías, pequenas bufardas, como sucede na parroquia de Rutis, especialmente, anque tamén hai algunhas no Burgo, e, agás excepcións, sen edificacións anexas, fóra de pozos e hórreos. Algunha delas xa a incluímos na arquitectura civil nobre.

Polo xeral, as ventás son pequenas, abundando os casos nos que soamente aparecen na fachada, mentres que as outras paredes son cegas. As portas se reservan para a fachada principal, e, ás veces, para a posterior, dando saída á eira.

Normalmente, as vivendas populares son exentas, anque, nalgún lugar, poden estar pegadas a outras.

O material predominante é a pedra, normalmente cascotes, sós ou con barro (cachotería), enlucida neste último caso. Noutras ocasións, anque non sexan casas grandes, utilízanse sillares para esquinas, ventás e portas, estas, a veces, con inscricións nos limiares: textos, cruces, etc. Tamén son comúns en moitas vivendas unhas pequenas ventás denominadas buratas, que imitan ás seteiras das fortalezas.

Tanto nas vivendas rurais como nas del litoral se utiliza frecuentemente a madeira para as divisións interiores.

Nalgún caso encontramos vivendas unidas pola súa parte superior, e que deixan un pasadizo inferior para o tránsito de persoas e animais, supoñemos que para respectar algún camiño antigo ou algunha servidume de paso.

 

Hórreos

Estas construccións, cuxa función é o secado de cereais, presentan en Culleredo varias tipoloxías: mariños, feitos en madeira, estreitos e pequenos; mixtos ou de tipo carralés, no cal se mesturan a pedra e a madeira; hórreos de pedra, localizados nas parroquias rurais, de maior tamaño, moitas veces rematados os sobrepenais dos seus penais con cruces e pináculos ben esculpidos, ou con cornixas moldeadas; por último, hai algún hórreo cuxo material constructivo son ramas entrelazadas.

Os hórreos poden asentarse sobre cepas ou sobre pes, non sendo estraña a combinación de ambos: cepas nos extremos e pes na parte central.

 

Fontes

Existen no concello de Culleredo dous tipos de fontes: as de cantería, que imitan a arquitectura nobre, e as de construción máis popular.

As fontes de cantería (Ledoño, Peiro de Riba e Vinseira Pequena serían algúns exemplos), cun certo aire monumental, teñen a parede frontal ben construída, con sillares de granito, rematándose a parede nun frontón triangular moldeado (caso de Vinseira Pequena), nun friso moldeado (Peiro de Riba), etc. A do Burgo, tamén de cantería, ten forma cilíndrica, cun acabado cónico. Anque hai, na Corveira (Rutis), unha do século XVIII, e outra en Vilar (Sueiro), a maioría foron construídas a finais do século XIX e no XX.

Algunha fonte de certa entidade ten os muros de mampostería, con pedra pequena, sen sillares: un exemplo sería a de Canaval (Rutis).

As fontes más tradicionais, de tipo manancial, consisten nunha abertura, coa pía empedrada ás veces con pequenas laxes, nas que se colle a auga, ou ben teñen un cano ou dous por onde sae a auga. Algunhas destas reformáronse con morteiro en tempos recentes.

 

Cruceiros

Non é Culleredo un concello que destaque pola calidade arquitectónica dos seus cruceiros. A maior parte deles son de fuste liso, rematado nunha sinxela cruz. Outros, como o de Orro, datado en 1750, teñen imaxes labradas.

Máis próximos no tempo son o que está na igrexa nova de Vilaboa, fermoso, con imaxes, o os que se colocaron na ponte do Burgo e no castro de San Cosme, feitos polos alumnos/as de cantería da Escola-Taller, moi ben esculpidos e con numerosos motivos ornamentais.

A súa función hai que relacionala coa antropoloxía relixiosa, xa que moitas procesións tiñan aos cruceiros como referencia do camiño que se debía percorrer.

Ás veces están situados en lugares comunitarios, como adros, campos de festa, etc. ; nestes casos, a súa basa serve de asento para as persoas. Tamén un lugar habitual de colocación de cruceiros é nas encrucilladas de camiños.

 

Muíños

Aínda que en Culleredo existen numerosos muíños, todos de reducido tamaño, houbo dous muíños de gran tamaño: o de Acea da Ama e o desaparecido da Telva.

O primeiro foi edificado polo mosteiro de Sobrado dos Monxes no derradeiro tercio do século XII, e foi restaurado en varias ocasións. Actualmente o complexo (no cal, aparte do muíños había varias edificacións dedicadas a vivendas e almacenes) acolle o Museo dos Muíños.

Tamén o desaparecido muíño da Telva era de grandes dimensións, cunha longa canle e dous rodicios, entrando no complexo muiñeiro unha casa de certo interese arquitectónico.

No lugar de Valiñas (Sueiro) hai outra casa-muíño de certa entidade, pero non funciona na actualidade.

Deixando a un lado os muíños de certa entidade, existen no concello numerosos muíños, de forma cuadrangular e reducidas dimensións, dunha moa. Anque algún funciona aínda, a maior parte deles están en estado ruinoso, faltando os rodicios e sobre todo a parte superior da moa, chamada aquí capa, roubada ou sacada para ser utilizada como mesa en xardíns.

Poden estar sós ou agrupados, como sucede no Casal (Sésamo). Neste lugar están os famosos muíños de Rexidoiro, un deles construído en 1555, como consta nunha inscrición na porta.

En ocasións, as agrupacións de muíños non hai que entendelas no sentido de que estean en rea, senón que hai un grupo deles moi próximo. Un caso paradigmático sería o de Peiro de Riba (Celas), onde vemos, ao longo dun tramo de río non demasiado grande, ata 18 muíños seguidos (algún hoxe restaurado por iniciativa municipal, e cunha rota de sendeirismo). Tamén no río Brexa, na parroquia de Castelo, ocorre algo semellante, anque o número de muíños é menor.

 

Pontellas

Aparte das grandes pontes, hai no concello diversos elementos para salvar os ríos. Dende simples pedras esparexidas, ás chamadas pontellas, moitas veces consistentes nunha gran laxa de beira a beira, ou, se o río é un pouco máis ancho, apoiada en piares ou cepas de pedra. Tamén, nalgún caso, se utilizan simplemente trabes de madeira. Son asimesmo moi numerosos os "portos", que consistían en lastrar os ríos de pouca fondura, para facilitar o paso de carros, etc., evitando que quedasen enterrados na lama ou na area do río. Neste caso, a microtoponimia de Culleredo é abundante: portos, portiños, etc., aparecen na maior parte das parroquias.

Cemiterios

Tamén estes recintos sagrados teñen a pegada da arquitectura popular, pero con certa monumentalidade. Se ben nas últimas décadas sufriron unha importante transformación, aínda se conservan algúns de interese. O antigo de Culleredo, por exemplo, totalmente cerrado cun muro de mediana altura, ten, para acceder ao seu interior, unha fermosa porta barroca, cuxo lintel está decorado nos seus extremos por pináculos e coroado por unha cruz.

A tipoloxía dos panteóns oscila dende a simple lápida de pedra colocada no chan a verdadeiros monumentos, como o panteón da familia Lembeye, en Culleredo, do século XIX, feito de cantería, seguindo modelos barrocos, rodeado cunha pequena reixa artística, e que ten, na súa parte central, unha pequena torre prismática na que están pegadas as pranchas de mármore cos nomes dos defuntos. Esta torre está coroada por unha cruz que imita os modelos dos cruceiros da contorna. Outros sepulcros máis modernos están decorados con imaxes de santos, ánimas, cun aire inxenuo, semellantes a algunha das esculturas do XIX que se conservan en varias igrexas do concello. Están construídos con morteiro, pero pintados con cores.

 

Os camiños

Tan vellos como a humanidade, os camiños serven para comunicar as comunidades, para o transporte, para deslindar propiedades, etc.

As súas tipoloxías son variadísimas, e nelas é importante o relevo do territorio que atravesan, e a composición do chan.

No caso de Culleredo encontrámolos de todos os tipos. O máis sinxelo é a corredoira ou carreiro, camiño estreito que se vai marcando co paso das persoas ao longo dos tempos. Os desniveis do terreo se salvan con pequenas escaleiras, denominadas esqueiras ou pisadoiros. Máis anchos son os camiños de carro, co chan de terra ou pedra; neste último caso, co tránsito secular, as rodas do carro van erosionando as pedras, formando as chamadas rodeiras.

Cando o camiño é fondo, denomínase congostra. Noutros casos, variando a súa anchura, están as calzadas, de orixe romano. Están construídas con pedras colocadas pola xente.

Estes camiños comunitarios eran coidados polos habitantes do lugar, que procuraban mantelos en bo estado: cortando as silveiras, asentando as pedras, etc.

No interior das aldeas os camiños principais poden recibir o nome de calle, como en Celas, ou rúa.

Os novos tempos substituíron moitos destes antigos camiños por modernas pistas de xabre ou zahorra, que normalmente acaban por asfaltarse.

Boa fonte para a reconstrución dos camiños antigos é a microtoponimia cullerdense: nela aparecen moitísmos nomes relacionados coa rede viaria: camiño, camiño real, corredoira, calzada, calle, rúa, confurcos, estrada, carreira, etc.

 

Outras construccións

Xunto ás casas labregas aparecen en ocasións outras construcións adxectivas. Algunhas anexas ás casas, como os fornos, de forma semicircular. Outras se emprazan na súa contorna, como os alpendres, de diversas tipoloxías, os pombais, moi escasos, ou os pozos, dos que encontramos varios modelos: con peitoril circular ou poligonal, feito de cantería, sen cubrición; outros cubertos cun caseto cuadrangular, con partes de cantería e outras de cachotería, e cunha porta de madeira enriba do peitoril; e, os máis sinxelos, feitos de cachotería. Nalgún caso, como na Corveira (Rutis), o pozo, de formigón, foi construído por iniciativa municipal, con fins comunitarios.

Tamén abundan no concello os lavadoiros, moitas veces emprazados xunto ás fontes. Anque a maior parte deles son relativamente recentes, estando construídos con formigón, hai algúns rústicos, consistentes simplemente nunha agrupación de laxas na beira do río. Tamén se conservan nalgunhas casas, sendo de propiedade particular, lavadoiros rectangulares, de cantería, así como pías, tamén de cantería, nas que bebían os animais.

Relacionadas coa propiedade da terra están os modos de dividir as herdades. As súas tipoloxías son variadas, indo, segundo decrece a súa simplicidade, dende o marco de pedra (a forma máis primitiva e tradicional), pasando pola gabia e acabando nos valados ou cómaros, pequenos muros de terra, pedra, ou ambos materiais mesturados. Así mesmo se utiliza como material de cerramento a madeira. Para entrar na herdade déixase un oco, moitas veces ocupado por unha pequena cancela de madeira. As casas e as súas construccións adxectivas poden estar cerradas por muros de pedra, cerres de madeira ou de vexetación natural. Nos últimos tempos estanse a utilizar columnas de formigón, colocadas de treito en treito, e cerradas con arame, teas metálicas ou muros de bloque. As tipoloxías das divisións das herdades son, pois, variadas.

Relacionadas coas actividades na Ría do Burgo están as ramplas. Hai poucas décadas, varias familias do Burgo e Rutis dedicábanse á extracción de arena da ría, utilizando barcazas. Por outra parte, a actividade marisqueira tamén ocupa a moita xente. As ramplas, pois, cumprían a función de servir para subir a terra as barcazas, as chalanas e os botes, para seren reparados ou pintados: é dicir, cumpren función de varadoiros. Un bo exemplo é a rampla de Fonteculler. Tamén aínda existen os criadeiros de moluscos, parcelados con pequenos muriños de pedras e paos, anque en concesións particulares..

Noutros lugares da Ría, reforzábanse as marxes do litoral con muros de pedra, de aparello irregular, en ocasións con escaleiras; a súa función era servir para arrimar as embarcacións ou para subir a terra.

Nalgúns casos, aprovéitase a propia Natureza para traballos comunitarios. Un exemplo son as pedras malladoiras, ás veces retocadas lixeiramente, ás que se ía mallar os cereais. Unha ben coñecida é a de Toroño.

Hai tamén espazos comunitarios, como os adros das igrexas, que se cerran cun pequeno muro de cachotería, colocándose laxas rectangulares, ás veces chantadas no muro, para seren utilizadas como asentos. Respecto dos campos das festas, normalmente carecían de mobiliario, agás o poste colocado no centro do campo que logo servía para a instalación do alumeado artístico. Hai xa algúns anos arranxouse o de Sésamo, na contorna da ermida de San Cosme, construíndose nel, seguindo modelos populares (pedra, tella, etc.) un palco de música e un pequeno "bochinche". Tamén no reordenamento e amaño do parque de Celas se construíron palcos e outras construcións adxectivas, como lareiras e fontes. En Almeiras así mesmo preparouse o campo da festa, formando na actualidade unha pequena praza, con cruceiro, un pequeno muro cerrando o recinto, etc.

Non sabemos que mobiliario tiña o campo da feira de Peiro de Riba (Celas), a única que existiu en Culleredo. Anque nas últimas décadas modificouse considerablemente, coa construción dun pequeno consultorio médico ou a pista polideportiva, e se colocaron bancos e mesas de pedra, supoñemos que, aparte da fonte e o lavadoiro, tería tamén bancos de pedra para descansar. Por outra parte, se había algún recinto para os animais, sería de madeira. Este espazo comunitario, que servía tamén para a festa patronal, estaba enmarcado nun dos seus extremos pola desaparecida capela de Santo Outel, advocación de gran tradición na parroquia, ata o punto de que aínda pervive o costume de bendicir os cans o día da súa celebración. Tamén xogarían un importante papel as árbores: aínda se conservan moitos plátanos, e outras especies arbóreas, esparexidas polo lugar, que darían sombra a persoas e animais.

Nalgunhas vivendas, sobre todo pazos, se conservan na actualidade reloxos de sol, con funcionalidade no pasado pero hoxe convertidos en motivos ornamentais.

Anque hoxe a apicultura é minoritaria, existiron en Culleredo numerosas colmeas en séculos pasados. As actuais colmeas, modernas, xa no se fabrican en casa, senón que se mercan, posto que os actuais deseños permiten unha maior producción de mel e cera.