Xunto ás casas labregas aparecen en ocasións outras construcións adxectivas. Algunhas anexas ás casas, como os fornos, de forma semicircular. Outras se emprazan na súa contorna, como os alpendres, de diversas tipoloxías, os pombais, moi escasos, ou os pozos, dos que encontramos varios modelos: con peitoril circular ou poligonal, feito de cantería, sen cubrición; outros cubertos cun caseto cuadrangular, con partes de cantería e outras de cachotería, e cunha porta de madeira enriba do peitoril; e, os máis sinxelos, feitos de cachotería. Nalgún caso, como na Corveira (Rutis), o pozo, de formigón, foi construído por iniciativa municipal, con fins comunitarios.
Tamén abundan no concello os lavadoiros, moitas veces emprazados xunto ás fontes. Anque a maior parte deles son relativamente recentes, estando construídos con formigón, hai algúns rústicos, consistentes simplemente nunha agrupación de laxas na beira do río. Tamén se conservan nalgunhas casas, sendo de propiedade particular, lavadoiros rectangulares, de cantería, así como pías, tamén de cantería, nas que bebían os animais.
Relacionadas coa propiedade da terra están os modos de dividir as herdades. As súas tipoloxías son variadas, indo, segundo decrece a súa simplicidade, dende o marco de pedra (a forma máis primitiva e tradicional), pasando pola gabia e acabando nos valados ou cómaros, pequenos muros de terra, pedra, ou ambos materiais mesturados. Así mesmo se utiliza como material de cerramento a madeira. Para entrar na herdade déixase un oco, moitas veces ocupado por unha pequena cancela de madeira. As casas e as súas construccións adxectivas poden estar cerradas por muros de pedra, cerres de madeira ou de vexetación natural. Nos últimos tempos estanse a utilizar columnas de formigón, colocadas de treito en treito, e cerradas con arame, teas metálicas ou muros de bloque. As tipoloxías das divisións das herdades son, pois, variadas.
Relacionadas coas actividades na Ría do Burgo están as ramplas. Hai poucas décadas, varias familias do Burgo e Rutis dedicábanse á extracción de arena da ría, utilizando barcazas. Por outra parte, a actividade marisqueira tamén ocupa a moita xente. As ramplas, pois, cumprían a función de servir para subir a terra as barcazas, as chalanas e os botes, para seren reparados ou pintados: é dicir, cumpren función de varadoiros. Un bo exemplo é a rampla de Fonteculler. Tamén aínda existen os criadeiros de moluscos, parcelados con pequenos muriños de pedras e paos, anque en concesións particulares..
Noutros lugares da Ría, reforzábanse as marxes do litoral con muros de pedra, de aparello irregular, en ocasións con escaleiras; a súa función era servir para arrimar as embarcacións ou para subir a terra.
Nalgúns casos, aprovéitase a propia Natureza para traballos comunitarios. Un exemplo son as pedras malladoiras, ás veces retocadas lixeiramente, ás que se ía mallar os cereais. Unha ben coñecida é a de Toroño.
Hai tamén espazos comunitarios, como os adros das igrexas, que se cerran cun pequeno muro de cachotería, colocándose laxas rectangulares, ás veces chantadas no muro, para seren utilizadas como asentos. Respecto dos campos das festas, normalmente carecían de mobiliario, agás o poste colocado no centro do campo que logo servía para a instalación do alumeado artístico. Hai xa algúns anos arranxouse o de Sésamo, na contorna da ermida de San Cosme, construíndose nel, seguindo modelos populares (pedra, tella, etc.) un palco de música e un pequeno "bochinche". Tamén no reordenamento e amaño do parque de Celas se construíron palcos e outras construcións adxectivas, como lareiras e fontes. En Almeiras así mesmo preparouse o campo da festa, formando na actualidade unha pequena praza, con cruceiro, un pequeno muro cerrando o recinto, etc.
Non sabemos que mobiliario tiña o campo da feira de Peiro de Riba (Celas), a única que existiu en Culleredo. Anque nas últimas décadas modificouse considerablemente, coa construción dun pequeno consultorio médico ou a pista polideportiva, e se colocaron bancos e mesas de pedra, supoñemos que, aparte da fonte e o lavadoiro, tería tamén bancos de pedra para descansar. Por outra parte, se había algún recinto para os animais, sería de madeira. Este espazo comunitario, que servía tamén para a festa patronal, estaba enmarcado nun dos seus extremos pola desaparecida capela de Santo Outel, advocación de gran tradición na parroquia, ata o punto de que aínda pervive o costume de bendicir os cans o día da súa celebración. Tamén xogarían un importante papel as árbores: aínda se conservan moitos plátanos, e outras especies arbóreas, esparexidas polo lugar, que darían sombra a persoas e animais.
Nalgunhas vivendas, sobre todo pazos, se conservan na actualidade reloxos de sol, con funcionalidade no pasado pero hoxe convertidos en motivos ornamentais.
Anque hoxe a apicultura é minoritaria, existiron en Culleredo numerosas colmeas en séculos pasados. As actuais colmeas, modernas, xa no se fabrican en casa, senón que se mercan, posto que os actuais deseños permiten unha maior producción de mel e cera.