A parroquia de Veiga está situada nas proximidades do rio Valiñas, no corazón do val que lle dá nome; é a única igrexa que se atopa illada da poboación e é filial da de Ledoño desde o século XIX.
En Veiga celébrase o "entroido" máis popular do municipio, coincidindo coa festividad de S. Brais, a esta romaría acoden gran número de "choqueiros". Outra tradición típica desta parroquia é a "festa do ramo", na cal participaban os membros da cofradía de S. Silvestre, o que é o mesmo que dicir todas as familias da parroquia. Cada ano rotativamente un cofrade elaboraba un ramo, en realidade un pan de ovo adornado con doces, o oficial debía regalarselo ao cofrade que tomaría o posto de oficial ao ano seguinte. Esta tradición non é exclusiva desta parroquia, celébrase en moitos lugares de Galicia, pero se foi perdendo co paso dos anos.
Conta con cemiterio e un cruceiro nas inmediacións e outro na encrucillada do camiño; ademais, conserva dúas píaas bautismais a ambos os dous lados da porta principal.
A igrexa foi construída no século XVIII, en torno a 1760-1770, e a súa fachada foi remodelada en 1910. Non aporta nada novo ao estudo da arte relixiosa de Culleredo pois é moi similar á de Ledoño ou Castelo, sen ningunha particularidade destacábel.
A igrexa presenta unha planta con tres corpos: a nave, capela maior rectangular e a sancristía. O acceso faise a través dunha porta adintelada situada aos pés, pero tamén posúe unha porta menor na cara sur, protexida cun pequeno cuberto. A cuberta é de tella a dúas augas, prologándose sobre a sancristía.
O retablo maior de Veiga consta dun corpo principal dividido verticalmente en tres rúas con senllas fornelas, onde se atopan expostas as imaxes de S. Silvestre, S. Antonio e S. Brais. Non é un retablo valioso, como tampouco o son as súas imaxes, as tres fechadas na segunda metade do século XIX: S. Silvestre, 1878; S. Blas, 1877 e S. Antonio, 1855.
A escultura máis interesante é o Cristo crucificado, iconografía que alcanzou o seu apoxeo durante a época contrarreformista, moi utilizada para os pasos procesionais.