Igrexa de San Xiao de Almeiras

A igrexa de Almeiras áchase situada sobre un alto desde o cal domínase a desembocadura do río Mero na ría do Burgo, unha paraxe de singular beleza, moi alterada nos últimos anos pola construción do aeroporto de Alvedro e as vías de acceso a este.

Sabemos que con anterioridade existiu outra igrexa que estaba situada na ladeira que mira á ría, pero, agás un debuxo, non se conserva ningún documento nin vestixio de tal edificación.

Baixo o coro deste templo foi achado un sarcófago do século XV cunha lápida co relevo dun cabaleiro con armadura que actualmente se conserva no Museo Arqueolóxico da Coruña.

A actual igrexa parroquial é unha das máis recentes do municipio, construída no século XIX, segundo a inscripción da súa fachada, en 1859. En 1936 foi incendiada, destruíndose case por completo, así foi recollido nos arquivos parroquiales:

Ata 1937 non se comezarán as obras de retirada de escombros e reconstrución, realizadas "voluntariamente" polos feligreses. En 1941 o estado do templo era aínda ruinoso polo que se solicitou a colaboración das familias enriquecidas da parroquia, que contribuíron con achegas en metálico, imaxes e obxectos de uso litúrgico.

 

Arquitectura

O edificio presenta unha nave cuadrangular e cabeceira apenas diferenciada, constituíndo un único corpo, ao cal foron engadidas as sancristía e outras dependencias auxiliares. Os muros son de mampostería de pedra local, reforzado con sillares nos puntos claves da edificación como a intersección de muros e abertura de vans. Por esta razón os muros foron recebados e encalados tanto no seu interior como no exterior, deixando só á vista os elementos realizados con sillares de granito. Múltiples fiestras foron abertas nos muros da nave e ao fondo da ábsida, garantindo a iluminación no interior.

É unha edificación que segue formulacións modernas, unha arquitectura en certo xeito funcional, pero ancorada no estética clasicista; un templo de espazos amplos e ben iluminados que permite seguir as celebracións relixiosas a gran número de fieis.

A fachada carece de concesións decorativas, a espadana é o elemento máis destacábel do conxunto. Dividida en dous corpos por unha imposta, no inferior áchanse dous arcos de medio punto que acubillan as campás e no superior unha pequena troneira, con pezas decorativas de cantería nos laterais e remate.

 

Imaxinería

As antigas imaxes de Almeiras desapareceron no incendio de 1936, tan só algunhas foron rescatadas das chamas, en estado moi deteriorado. As que hoxe se conservan son recentes, e foron doadas polos veciños ou por institucións, tal é o caso da imaxe patronal de S. Xiao que se obtivo grazas á mediación de D. Julio Wais Sanmartín. Outras imaxes adquiridas tras o incendio son a Inmaculada, S. Xosé, ou o Sagrado Corazón, ningunha delas especialmente destacábel.