Arte Civil

A arte civil comprende unha variadísima produción artística, que abarca desde a época prehistórica ata os nosos días. A súa diversidade é maior, a finalidade depende do momento histórico e das pretensións dos seus artífices. O patrimonio histórico-artístico de carácter civil é menos numeroso que o relixioso, aínda que os dous monumentos máis representativos do concello pertencen a este apartado: Ponte do Burgo e Torre de Celas.

Algúns aspectos da arte civil xa foron abordados no estudo realizado sobre a arquitectura tradicional, como obras de tipo público entre as que se atopan os muíños e as fontes. Nalgúns casos resulta difícil sinalar a liña entre o que é arte relixiosa e civil, pois moitos dos que vestixios prehistóricos naceron como culto funerario e en cambio agora son considerados parte do patrimonio arquitectónico civil.

 

O Megalitismo

As primeiras pegadas de presenza humana en Culleredo corresponden a este período, xa que non existen achados que verifiquen a súa existencia durante o paleolítico. Isto pode ser debido a mobilidade dos primeiros poboadores, aínda que diversos achados en zonas próximas como o areal de Baldaio, permiten supoñer que a franxa costera contorna á actual A Coruña estaba habitada.

Durante o neolítico descende a mobilidade territorial, é un fenómeno progresivo que irá restrinxindo paulatinamente as áreas de caza e recolección. Neste momento o home aséntase nun lugar máis ou menos fixo, vincúlase á terra, e deixa de ser invisíbel na paisaxe, transfórmaa e acomódaa ás súas necesidades, en definitiva a humaniza. O fenómeno de poboamento megalítico-neolítico vai ter a súa continuidade ata os nosos días, formas de hábitat latentes na estrutura de poboamento rural.

Os monumentos megalíticos teñen a súa localización en lugares elevados, lugares visíbeis desde os que se abarcan unha panorámica ampla. Non concordan cos espazos destinados aos asentamentos, nin como parecería obvio, próximos a canteiras que aportasen o material para a súa construción. Todo isto lévanos a pensar nunha motivación relixiosa. Esta teoría baséase no desexo do home por deixar o seu impronta sobre o territorio ao cal pertence e que considera dominio da súa comunidade, cambiando o seu papel de dependencia polo de protagonismo.

Os túmulos megalíticos son denominados "mámoas", medoñas, antas, medorras... Son monumentos funerarios que poden acoller varios enterramentos con ou sen enxoval funerario (útiles de pedra, adornos corporais, obxectos de metal, cerámica...).

A observación destes monumentos aporta interesantes datos sobre a súa sociedade: o esforzo humano que require o transporte e construción implica a existencia dunha xerarquización social de tipo relixiosa ou civil, e a especialización de grupos sociais en labores concretos, unha estratificación social tamén palpábel nos enxovais.

A estrutura dos túmulos é variábel, na súa forma máis complexa componse dun anel peristalítico que o delimita, un adro pavimentado no que se poden aparecer figuras antropomorfas, un corredor de acceso e a cámara, recuberto todo iso por unha capa de pedra a modo de coiraza protectora do enterramento.

As tipoloxías das antas evidencian o seu proceso evolutivo:

-Antas simples. De pequeno tamaño e planta poligonal sen corredor, propias do megalítismo inicial, 3.500-3.000 a. c.
-Antas con corredor. Planta poligonal ou circular con corredor de acceso, megalítico medio, 3.000-2.500 a. c.
-Cistas megalíticas. As máis sinxelas e de menor tamaño, de planta rectangular, corresponden ao período final, entre o 2.500 e 2.000 a.c.

En Culleredo atopamos dous xacementos de gran importancia: un situado no monte Xalo, no sur do concello; e a necrópole da Zapateira, na confluencia dos municipios da Coruña, Arteixo e Culleredo.


Monte Xalo

No límite dos concellos de Carral e Cerceda atópanse numerosos bloques graníticos (penas, penedos, peneiras,...) que foron bautizados con curiosos nomes de forte significación mítica como: Pedra do Tesouro, Pedra da Cadea de Ouro, Pedra Laxeira, Porta do Inferno....

O arqueólogo L. Monteagudo localizou en 1950 varias mámoas de gran tamaño ao sur da cota 527, xa destruídas; e en 1973, outras de menores dimensións ao sureste da cota 513, compostas por pedras de pequeno tamaño. Estas mámoas sitúanse próximas a un camiño procedente do Castro do Elviña, con dirección norte-sur por Orro, Bregua e Ledoño ata o Monte Xalo, continuando ata Gustovedro.

A alineación de mámoas ao longo de vellos camiños é un fenómeno habitual nas necrópoles megalíticas: camiños funerarios. Este dato é de vital transcendencia para a comprensión da historia das vías de comunicación, pois a súa existencia verifica a pervivencia ao longo da historia dos camiños prehistóricos existentes aínda antes do trazado das calzadas romanas e reutilizados como camiños reais na época moderna.

 

Necrópole da Zapateira

A primeira excavación foi realizada en 1935 por varios membros da Sociedade coruñesa "Amantes do Campo", entre os que estaban Francisco Vales Villamarín, Inocencio Pardo Aburto, Enrique Monteagudo García, Manuel Insua,... Esta necrópole foi estudada por Luís Monteagudo García, que a localiza ao longo dunha meseta de dous quilómetros e medio, limitada ao norte polo arroio de Rutis e ao sur polo de Trabe, e cunha altitude media de 220 m. Disponse ao longo dun camiño de carro que comunicaba a parroquia de Rutis e Uxes.

A necrópole áchase na confluencia dos concellos de Culleredo, A Coruña e Arteixo. Gran número de mámoas localízanse nos límites municipais e son utilizadas con marcos para a delimitación dos mesmos, noutras ocasións trasladáronse para sinalar límites de leiras e propiedades privadas.

O total de mámoas localizadas foi de trinta e tres, delas dezanove no término municipal de Culleredo. Monteagudo dividiu a necrópole en seis sectores:

A- Fonte de Ouro.

B- Leira de Cachafeiro.

C- Montes da Zapateira e Monte da Arca. Contorna do Trabe.

D- Monte de Cambás.

E- Monte Aberto.

F- Monte de Orro.

A totalidade dos túmulos foran expoliados facía séculos para extraer as lousas que eran reutilizadas en novas construcións, por iso desapareceron a maioría das lousas e tampouco foron achados enxovais. En xeral son de pequenas dimensións, con diámetros que van desde os 10 m. A mámoa máis grande áchase no concello da Coruña, no Monte da Arca en terreos do Club de Golf, no plano figura co nº 28; foi sometida a unha escavación de urxencia no ano 1976, pois ía ser achanzada por esixencias do campo de golf.
Sobre a cronoloxía desta necrópole Monteagudo conxectura a súa pertenza á etapa final do megalitismo por tratarse de pequenas mámoas ou cistas; pero carecemos de datos suficientes para aseguralo, pois non se acharon obxectos que axuden a determinalo con exactitude.


Idade de Bronce

Puñal do Burgo.

Foi achado nas augas do río Mero, e consérvase actualmente no Museo Arqueolóxico da Coruña. É un puñal do Bronce Final datado en torno ao século VII a.c., precursor dos puñais de antena propios da época castrexa, así chamados polas prolongacións que saen da base da empuñadura. O feito de que se atopase no río ponnos en contacto cun fenómeno das "armas arroxadas ao mar", común a toda a fachada atlántica. Unha primeira opinión facía pensar que a aparición de armas no leito dos ríos e beiras costeiras fose un feito accidental. María Luisa Ruíz-Gálvez apunta a coincidencia deste fenómeno coa ausencia de tumbas durante o Bronce Final, atribuíndolle un compoñente ritual de carácter funerario.

Cultura Castrexa

A cultura castrexa desenvólvese durante a Idade de Ferro, ten a súa orixe na idade de Bronce final e perdura ata a romanización de Galicia. Diferenciamos diversas etapas:

Etapa de formación, séculos VII a V a.c.

Fase de desenvolvemento, séculos V a I a.c.

Fase de apoxeo, I a.c. a I d.c.

Fase de declive, desde mediados do século I d.c.

Culleredo áchase dentro do que podemos denominar territorio Ártabro, pobo citado polos autores romanos que o sitúan na contorna ás Mariñas e a comarca de Bergantiños. Menéndez Pidal tratou de delimitar este territorio baseándose na presenza da partícula -obre na toponimia da zona; topónimos como Cillobre, son unha evidencia de que os castros de Culleredo formaban parte do mundo prerromano ártabro.
En Culleredo atopamos interesantes mostras da época castreña: Castro de Sésamo, Almeiras, Orro,.. e topónimos que fan referencia á súa anterior existencia como o lugar de Castro en Rutis. Os castros son asentamientos poblacionales situados en oteros estratéxicos, de non demasiada altitude pero con boa visibilidad e fácilmente defendíbeis contra ataques externos. A súa estrutura adáptase ás liñas do relevo, delimitado por un sistema de amurallamento dentro do cal sitúanse as vivendas, distribuídas sen un urbanismo aparente.
En Culleredo existen numerosos castros, pero na súa maioría sen escavar; o último en ser descuberto foi o da parroquia de Orro, durante as obras da autovía. En torno os castros creáronse lendas e antigos costumes, por exemplo a tradición de enterrar o Entroido no castro de Almeiras todos os Mércores de Cinza.


Castro de Sésamo

O castro máis apropiado para unha visita é o de Sésamo desde o cal domínase o val de Veiga. Debeu estar habitado ata época moi serodia, probabelmente teña perdurado durante a época romana; así o verifica a inscripción achada por Cornide:

NAVIA
ANCETOTV
NRI. EXS. ).
SESA
VOTVM
POSSIT
Q.E.C.T.

Por mor de posteriores movementos de terra perdeu parte das construcións orixinais pero aínda se pode apreciar a base dos muros dalgunhas das vivendas circulares e parte do perimetro de amurallamento. Co traslado da poboación cara á ladeira do monte, este punto converteuse nun lugar de culto, edificando no seu cume a Ermida de S. Cosme.


A Romanización

A colonización romana orixina transformacións definitivas na historia de Galicia. Tras a conquista militar levouse a cabo a integración administrativa de Gallaecia no Imperio, neste aspecto as calzadas xogarán un papel decisivo no control e vertebración do territorio. As calzadas posibilitaron os movementos das tropas, pero, ademais, puxeron a Galicia en contacto co resto do imperio. As obras realizadas nesta época teñen un carácter funcional, son obras de enxeñería que buscan dotar ao territorio conquistado da infraestructura necesaria para o desenvolvemento de actividades como o comercio ou a explotación minera: pontes, acueductos, canalizacións, portos, faros, murallas,...

Segundo o Itinerario Antonino que data do século III d.c., por Galicia discorrían catro vías:

vía XVII que unía Brácara e Astúrica, por Chaves

vía XVIII, que comunica estas dúas cidades, por Ourense

vía XIX, enlazaba Brácara con Astúrica, pasando por Lucus Augusti

vía XX, que se dirixía ás mesmas cidades que a anterior, pero o seu trazado aproveitaba a depresión meridiana galega discorrendo próxima á costa, de aí a súa denominación "per tola maritima".

Aínda que existen certas lagoas sobre o percorrido exacto das calzadas; no que incumbe ao noso concello, parece posíbel afirmar que a vía "per loca maritima" que unía Brigantium (A Coruña) e Lucus Augusti (Lugo), transcorría polo Burgo, único paso posíbel cara á Coruña.

A existencia de núcleo de poboación no Burgo durante a época romana está verificado por unha estela funeraria atopada por Cornide, na que unha viúva invoca aos deuses manes polo seu marido morto aos 47 anos de idade:

D. M. S.
G. IVL. SEVERO.
AN. XLVII
IVLIA.SEVERA
MARITO
PIENTISIMO

No que se refire a unha orixe romana da ponte do Burgo, esta idea queda totalmente descartada. A fábrica da ponte é medieval e, de existir unha ponte con anterioridade, non pode asegurarse que a súa ubicación coincidise coa actual, pois as escavacións realizadas antes da súa restauración non aportaron ningunha luz respecto diso.


Idade Media

Podemos considerar a Idade Media como a época dourada do noso concello, pola importancia histórica e artística deste período. O Burgo chegou a eclipsar á vila coruñesa cando a súa poboación se viu obrigada a retirarse cara ao interior da ría ante os ataques normandos que abordelaban o litoral galego. Foi un fenómeno xeneralizado en Galicia que provocou a creación de novos burgos en emprazamentos de difícil acceso marítimo, ou cando menos onde se eliminaba a posibilidade dun ataque sorpresa.

Tras a fragmentación e decadencia do Imperio Romano as calzadas non perderon o seu uso, continuando a súa función durante a Idade Media, no seu paso por Culleredo como camiño comercial e como via de peregrinación xacobea. Durante o medievo o fenómeno das peregrinacións alcanza un enorme desenvolvemento, a idea errónea de que o camiño francés era a verdadeira ruta xacobea, fomentou o menor aprezo doutras vías non menos importantes, como o camiño inglés. O Burgo e despois A Coruña eran portos de arribada de navíos procedentes do norte de Europa: Illas Británicas, Países Baixos e costa occidental francesa. O transporte marítimo era utilizado para a exportación de produtos galegos como viño e coiros, e aproveitado polos peregrinos que optaban por realizar a viaxe por mar, máis curta aínda que non menos perigosoa. Baste con citar os principais propietarios de terras e dereitos no Burgo para facernos unha idea do desenvolvemento que alcanzou neste período: Mosteiro de Sobrado: muíños de Acea de Ama; Igrexa de Santiago: igrexa do Burgo e propiedades; Orde dos Cabaleiros templarios, situados na beira de Cambre; e diversas familias nobres, entre elas os Traba.

Os historiadores non chegan a poñerse de acordo sobre a realidade que vive a vila coruñesa durante este período; algúns opinan que o despoboamento foi total, mentres que outros historiadores clásicos, como Murguía, afirman que o abandono nunca foi completo. O que se sabemos é que perdeu o seu papel preponderante, que lle será devolto polo rei Alfonso IX, cando en 1208 decide repoboar A Coruña obrigando ás xentes do Burgo a trasladarse de novo á Coruña. Este interese non é inxustificado, responde ao desexo de fomentar o desenvolvemento dun novo porto fiel á coroa, libre da presenza doutros poderes nobilarios ou eclesiásticos que impedirían o control do mesmo.

 

Torre de Celas ou Vinseira

A torre de Celas ou Vinseira se empraza aos pés do Monte Xalo, fronteira natural da comarca mariñá, lugar de tránsito entre A Coruña e as terras interiores coruñesas, antiga vía cara a Santiago e camiño de arrieros ata non fai moitos anos.

O que hoxe podemos contemplar é só unha parte da fortificación erixida en época baixomedieval. A diferenza das fortalezas castelás, grandes bastións militares e puntos estratéxicos de avance na Reconquista, en Galicia as fortalezas eran reductos defensivos cuxa finalidade era a de controlar os seus vasalos e defender o seu patrimonio fronte a señoríos veciños: a súa presenza era o símbolo do dominio do señor sobre os seus vasalos.

Descoñecemos con exactitude a data da súa construción, posibelmente a principios do século XIV, pois en 1395 as súas edificacións alcanzaran o desenvolvemento suficiente para motivar a inquietude do concello coruñés. Esta torre e casa-forte achábase dentro dos límites territoriais do alfoz da reguenga vila coruñesa e situada no camiño de tránsito entre A Coruña e Santiago. O concello coruñés entra en preitos co seu propietario, Martín Becerra, por desenvolver un verdadeiro señorío xurisdicional dentro do couto coruñés, chegando ata a cobrar peaxes polo paso de mercadorías e transeúntes. O preito sáldase en favor da Coruña, obrigando a M. Becerra a destruír todas aquelas edificacións de carácter defensivo como ameado, alturas, murallas, porta de acceso elevada, alxibe e a achanzar o terreo onde se achaban as edificacións.

A torre medieval de Vinseira posuía un pazo encostado que foi destruído fai poucos anos, os brasóns que adornaban os seus muros foron salvados da destrución trasladándoos ao pazo de Anceis (Carral). O pazo de Celas pertenceu a grandes familias nobres galegas como os Andrade, orixe da casa Freixomil, Maldonado, Becerra, Priegue... Este pazo correspondía a aqueles que, conservando a torre da homenaxe medieval, encostaron á fortaleza unha residencia máis acorde coas comodidades da época, mantendo como legado do seu pasado a denominación de Torre.

Actualmente é un edificio exento, un cubo de 8 x 8 m., realizado con sillares de granito ben escuadrados. Presenta varias seteiras de estreita boca e amplo derrame interno, que denota a súa función militar. No piso superior ábrense dúas fiestras cuadrangulares, con bancadas de pedra no interior. No lintel dunha destas fiestras consérvanse tres brasóns dos Andrade, Freixomil e outro de dificil interpretación. A vivenda encostada durante séculos deixou as súas pegadas nos muros da torre, á altura do segundo nivel podemos apreciar a silueta do tellado nas anclaxes do muro piñón, e no primeiro piso consérvase unha gran fiestra que parece foi porta de acceso á torre desde a vivenda. No remate da torre observamos as troneiras que nos recordan o carácter bélico do edificio.

A torre atopábase en total ruína, só permanecían en pé os muros perimetrais. En 1992 foi restaurada polos alumnos da Escola-Taller "Ponte do Burgo", acondicionándoa como Museo; axardiñouse tamén a finca como parque público. En 1994 foi inaugurado o Museo Etnográfico "Torre de Celas" que acolle unha mostra do traxe tradicional galego, así como obxectos tradicionais recompilados no concello.

 

Ponte do Burgo

A ponte do Burgo é o monumento máis emblemático do concello, non en balde é o símbolo do escudo municipal. Ata fai poucos anos atopábase en total abandono, pero en 1992 comezaron as obras de reconstrución, levadas a cabo polos alumnos das Escola Taller "Ponte do Burgo". Está situado sobre a desembocadura do río Mero, límite dos concellos de Cambre e Culleredo, actualmente paso peonil entre as dúas beiras.

O carácter estratéxico deste paso, única via terrestre cara á Coruña ocasionou que fose destruído en varias ocasións, en 1589 durante o ataque de Drake e en 1809, durante a guerra da Independencia, foi voado polas tropas inglesas para gardar a retaguarda na súa fuxida cara ao porto da Coruña, onde tiñan previsto embarcar. Pero o abandono foi o seu peor aliado: tras a construción da ponte na Pasaxe, perdeu a súa importancia, e, coa realización dunha nova ponte no Burgo, caeu prácticamente na ruína.

Durante moitos anos a súa construción foi atribuída aos romanos, identificados popularmente como os autores de grandes obras cuxa orixe pérderse na memoria colectiva.

A ponte adoita datarse nos séculos XII-XIII, pero non se teñen noticias documentais que certifiquen que isto fose así. O estudo formal da ponte permite encadrar a súa construción na Baixa Idade Media. Na igrexa de Santiago do Burgo consérvase un sillar procedente da ponte que aporta máis datos sobre a cronoloxía; nel figuran os emblemas dos Andrade e Moscoso. Datado a finais do século XIV, é un relevo conmemorativo da construción de o ponte ou reconstrución de gran embergadura baixo o patrocinio de Fernán Pérez de Andrade.

A ponte conservaba seis dos arcos medievais, os demais tiveron que ser reconstruídos pois desapareceran totalmente. Cabe a posibilidade de que a lonxitude da ponte fose maior que a actual pois os depósitos arrastrados polo río estreitaron o curso do río.

O material utilizado para a súa construción é o granito, en sillares ben escuadrados, unidos con morteiro. Pero como é habitual nas pontes medievais utilizáronse materiais de desfeito, como cascallos, para reencher os cubos; isto motivou o deterioro e posterior derrubamento dos mesmos. Nos muros internos dos piares pódense observar os mechinais utilizados para a anclaxe das cimbras durante a realización dos arcos.

O seu alzado ten unha leve inclinación con rasante a dobre vertente polo que as luces dos arcos presentan valores descendentes cara aos extremos. Os piares presentan tallamares triangulares a ambos os dous lados prolongándose ata o rasante; con isto conséguese crear uns apartadoiros que facilitaban o cruzamento de xinetes e carros, dificultoso pola estreitez da vía. Ao longo do nivel do rasante existían varios desaguadoiros para evitar a acumulación de augas na calzada; aínda se conserva algún deles na zona central da ponte. Do pretil non se conserva ningunha peza antiga, polo que foi reposto seguindo modelos da época. O pavimento orixinal desaparecera, únicamente podemos contemplar un pequeno fragmento no arco de unión con Cambre, que se deixou á vista tras a restauración.

Unha das características máis representativas das pontes medievais é a estreitez dos seus accesos e calzada. Isto tiña a súa razón de ser na necesidade de controlar o tránsito, obrigando aos transeúntes a pagar peaxe polo uso da ponte: pontádego.

A ponte do Burgo é un símbolo do noso pasado histórico que grazas á súa rehabilitación puido recuperar o esplendor do cal era merecedor. A recuperación da ría e a construción do paseo marítimo, convertérono nun lugar privilexiado na costa coruñesa.

 

Ponte da Xira

Ponte sobre o río Valiñas, no límite dos concellos de Cambre e Culleredo, áchase no que foi o antigo camiño real e anteriormente camiño de Santiago. A variación dos trazados da estrada deixaron a súa pegada con outras dúas pontes paralelas a esta.

Ponte dunha única luz, como peculiaridade cabe destacar a superposición de dous arcos, ambos de medio punto. O superior foi o que se construíu primeiro; a súa deformación obrigou a levantar outro arco inferior que reforzase a ponte, sendo despois reenchido o espazo entre ambos. Conserva a antiga calzada empedrada, pero debeu perder parte da súa recubrimiento porque o rasante coincide coas dovelas do arco superior. A súa conservación require un coidado continuado pois a maleza crece sobre a súa estrutura, impedindo a observación completa da obra.

Non existen datos documentais que certifiquen a súa antigüidade, pero a súas características formais e construtivas e a similitude con outras pontes como a ponte da Chainza ou ponte de S. Cibrán de Cangas, permítenos pensar nunha fábrica medieval que fose reformada en épocas máis recentes.

 

Arquitectura Pacega

En Culleredo existen numerosos pazos, casas solariegas e quintas de recreo, espalladas por todo o concello. As súas tipoloxías responden a períodos históricos diferentes; así, o exemplo máis antigo o temos na Torre de Celas, e os máis recentes nas quintas e vilas construídas a principios de século XX en áreas próximas á Coruña, como Alvedro e Vilaboa.

O concepto de pazo abarca todo aquel edificio levantado no ámbito rural, para residencia temporal ou fixa de familias nobres, de proporcións que superan notoriamente ao resto das vivendas do lugar e que presentan trazos suntuarios que as diferencian das casas campesiñas.

O pazo é o símbolo da sociedade estamental do antigo réxime; a partir do século XVI comézanse a construír mansións encostadas ás antigas fortalezas (como é o caso do antigo Pazo de Celas), á vez que se levantan residencias de nova planta. Representan un novo modo de vida no campo, estes edificios exaltaban a grandeza da liñaxe familiar, e a súa función era o control do señorío xurisdicional, base económica dos pazos, que dependía das rendas, recadación de impostos, produción agrícola, actividades mercantiles, peaxes, ...

Os séculos XVII e XVIII supoñen un cambio na nobreza galega e consecuentemente na funcionalidade dos pazos. Asistimos ao florecemento das cidades e moitos nobres séntense polo ambiente cosmopolita, abandonando as súas mansións no campo para adquirir vivendas máis cómodas nos núcleos urbanos. Normalmente non abandonan totalmente a casa familiar, habitando nela durante a época estival e mantendo o control sobre as súas posesións. Os nobres xa non dependen exclusivamente do seu patrimonio no campo, intégranse en profesións liberais, a administración do estado ou realizan actividades mercantíes. Debemos achacar ás clases poderosas galegas a falta de dinamismo na canalización da súa riqueza cara a investimentos que impulsasen o desenvolvemento da economía galega.

Outro tipo de vivendas son as popularmente denominanadas "casas grandes". Son granxas de campesiños que, sen xurdir dunha familia nobre, acadarán unha certa posición social a base de axuntar propiedades dos seus antepasados e adquirir novos terreos, pero sempre ligados a unha economía baseada nos labores agrícolas.

Os últimos anos do século XVIII e de forma decisiva o século XIX, marcará o ocaso dos pazos, a agricultura perde rendibilidade e a nobreza se aburguesa. Aínda que os pazos como arquitectura perviven, como institución desaparecen ao perder o poder económico e social que os creara. Este fenómeno acentúase e moitos dos nobres vense obrigados a vender as súas propiedades para manter o seu nivel de vida nas cidades, outros conservarán só a casa solariega, como símbolo dun esplendor pasado.

Nos séculos XIX e XX a burguesía substituirá á nobreza, pero esta nova clase social creará os seus propios modelos constructivos: son as casa de verán, quintas e vilas que, aínda que non posúan grandes terreos na súa contorna son máis acordes aos gustos e comodidades modernas.

Os pazos presentan unhas características arquitectónicas comúns como son a utilización de materiais nobres na construción: o granito, madeira de castiñeiro, carballo ou foráneas ... Adoitan contar cun recinto amurallado que percorre a totalidade da finca onde se sitúan os diferentes edificios que compoñen o pazo: capela, nos casos de pazos máis ricos; adegas; cabaleirizas e cuadras; vivenda para guardeses; hórreo, pombal, pozo, fontes e xardíns.

O edificio central loce sempre na súa fachada o escudo, e en ocasións os das diferentes pólas da familia. Adoitoa contar cunha portada solemne, con escalinata monumental de pedra, un balcón voado, porches ou galerías. O edificio consta normalmente de dúas plantas e "faiado" ou desván; a planta baixa destínase ás dependencias comúns como comedor e cociña, e pode acoller tamén as habitacións dos criados; na segunda planta atópanse os dormitorios e salóns; o desván realiza as funcións de trasteiro e de secadoiro. Algúns elementos ornamentais característicos dos pazos son os reloxos de sol, balaustradas de pedra, esculturas diversas, saedizos, patín, reixerías, grandes chemineas, ...

Culleredo era un lugar privilexiado de veraneo a principios do século XX; así describía Vilaboa o historiador Ángel del Castillo:

"..., val delicioso e encantador que fertiliza o regato Muíño e que limita polo seu O e S coas alturas cultivadas e cheas de arbolado nas súas saias. A fermosura deste lugar, a súa abundancia e as súas sombras fixeron del unha estación estival, sendo numerosas e cómodas e elegantes as casas e quintas de recreo con que conta."

Destacaremos algúns dos pazos de Culleredo:



Pazo de Lembeye (Liñares)

O edificio presenta dous corpos cunha disposición en "L" , con balconadas e solaina sobre soportal. Foi restaurado recientemente, acondicionándoo para o seu habitabilidade. Pertenceu á familia do insigne investigador Juan Lembeye, que escribiu obras como: "Aves de la isla de Cuba", A Habana, 1850 e "Consideraciones y consejos agrícolas para mejorar las cosechas de trigo en Galicia y perfeccionar los abonos", Santiago, 1885. Morreu en 1889. Os seus restos descansan no cemiterio parroquial de Culleredo.

Pazo de Vilaboa

Tamén denominado de Torres Taboada. Foi levantado sobre os restos dunha antiga casa, propiedade dos Castro do Pazo de Mende, que estenderan as súas posesións polas Mariñas coruñesas. Foi adquirido por D. Alvaro de Torres Taboada, a quen debemos o seu actual aspecto, que construíu a nova residencia evocando as antigas fortalezas galegas. Torres Taboada mantiña estreitas relacións con Dona Emilia Pardo Bazán, á cal asesorou na construción do Pazo de Meirás, cun deseño moi similar a este. Sabemos que este home tamén costeou a imaxe da Virxe nas inmediaciones do Santuario de Pastoriza (Arteixo).

A edificación foi realizada no século XIX, aínda que parece ser moi anterior, polos torreóns e ameas que percorren a parte superior do edificio. A fachada ábrese a unha explanada con grandes árbores e un cruceiro, está rodeada por un falso foxo circundado por cadeas e salvado por unha escaleira de pedra serve de acceso á planta baixa que no seu vértice mostra un imponente torreón circular.

 

Pazo de Culleredo (Tarrío)

Na actual capital municipal, o seu estado de conservación é lamentábel, ameaza ruína. Levantado no século XVIII por D. Juan Sánchez do Piñeiro, natural de Comillas (Santander), o cal posuía ademais unha casa blasonada na Rúa Real da Coruña. É un edificio de boa sillería de granito, fachada de liñas simples e paramentos sobrios; nela pódese ver sobre un frontón curvo o escudo de armas familiar. Aínda se conserva a escaleira con balaustrada de pedra que serve de acceso á planta principal do edificio.

Pazos dos Ferrer (ou Curro)

Edificio a escuadra que loce unha solaina orientada ao sur sobre ménsulas de granito. Loce unha fermosa peza heráldica de pedra coas armas dos Bermúdez, Vilardefrancos, Castro e Rioboo.

Outros pazos

Outros pazos e casas blasonadas son: Pazo de Vigovidín, Pazo de S. Fernando, Pazo dos Vales, Casa da Torre, Quinta de Fontemaior, Casa da Picota, Casa de Outeiro de Sésamo...