O Megalitismo

As primeiras pegadas de presenza humana en Culleredo corresponden a este período, xa que non existen achados que verifiquen a súa existencia durante o paleolítico. Isto pode ser debido a mobilidade dos primeiros poboadores, aínda que diversos achados en zonas próximas como o areal de Baldaio, permiten supoñer que a franxa costera contorna á actual A Coruña estaba habitada.

Durante o neolítico descende a mobilidade territorial, é un fenómeno progresivo que irá restrinxindo paulatinamente as áreas de caza e recolección. Neste momento o home aséntase nun lugar máis ou menos fixo, vincúlase á terra, e deixa de ser invisíbel na paisaxe, transfórmaa e acomódaa ás súas necesidades, en definitiva a humaniza. O fenómeno de poboamento megalítico-neolítico vai ter a súa continuidade ata os nosos días, formas de hábitat latentes na estrutura de poboamento rural.

Os monumentos megalíticos teñen a súa localización en lugares elevados, lugares visíbeis desde os que se abarcan unha panorámica ampla. Non concordan cos espazos destinados aos asentamentos, nin como parecería obvio, próximos a canteiras que aportasen o material para a súa construción. Todo isto lévanos a pensar nunha motivación relixiosa. Esta teoría baséase no desexo do home por deixar o seu impronta sobre o territorio ao cal pertence e que considera dominio da súa comunidade, cambiando o seu papel de dependencia polo de protagonismo.

Os túmulos megalíticos son denominados "mámoas", medoñas, antas, medorras... Son monumentos funerarios que poden acoller varios enterramentos con ou sen enxoval funerario (útiles de pedra, adornos corporais, obxectos de metal, cerámica...).

A observación destes monumentos aporta interesantes datos sobre a súa sociedade: o esforzo humano que require o transporte e construción implica a existencia dunha xerarquización social de tipo relixiosa ou civil, e a especialización de grupos sociais en labores concretos, unha estratificación social tamén palpábel nos enxovais.

A estrutura dos túmulos é variábel, na súa forma máis complexa componse dun anel peristalítico que o delimita, un adro pavimentado no que se poden aparecer figuras antropomorfas, un corredor de acceso e a cámara, recuberto todo iso por unha capa de pedra a modo de coiraza protectora do enterramento.

As tipoloxías das antas evidencian o seu proceso evolutivo:

-Antas simples. De pequeno tamaño e planta poligonal sen corredor, propias do megalítismo inicial, 3.500-3.000 a. c.
-Antas con corredor. Planta poligonal ou circular con corredor de acceso, megalítico medio, 3.000-2.500 a. c.
-Cistas megalíticas. As máis sinxelas e de menor tamaño, de planta rectangular, corresponden ao período final, entre o 2.500 e 2.000 a.c.

En Culleredo atopamos dous xacementos de gran importancia: un situado no monte Xalo, no sur do concello; e a necrópole da Zapateira, na confluencia dos municipios da Coruña, Arteixo e Culleredo.


Monte Xalo

No límite dos concellos de Carral e Cerceda atópanse numerosos bloques graníticos (penas, penedos, peneiras,...) que foron bautizados con curiosos nomes de forte significación mítica como: Pedra do Tesouro, Pedra da Cadea de Ouro, Pedra Laxeira, Porta do Inferno....

O arqueólogo L. Monteagudo localizou en 1950 varias mámoas de gran tamaño ao sur da cota 527, xa destruídas; e en 1973, outras de menores dimensións ao sureste da cota 513, compostas por pedras de pequeno tamaño. Estas mámoas sitúanse próximas a un camiño procedente do Castro do Elviña, con dirección norte-sur por Orro, Bregua e Ledoño ata o Monte Xalo, continuando ata Gustovedro.

A alineación de mámoas ao longo de vellos camiños é un fenómeno habitual nas necrópoles megalíticas: camiños funerarios. Este dato é de vital transcendencia para a comprensión da historia das vías de comunicación, pois a súa existencia verifica a pervivencia ao longo da historia dos camiños prehistóricos existentes aínda antes do trazado das calzadas romanas e reutilizados como camiños reais na época moderna.

 

Necrópole da Zapateira

A primeira excavación foi realizada en 1935 por varios membros da Sociedade coruñesa "Amantes do Campo", entre os que estaban Francisco Vales Villamarín, Inocencio Pardo Aburto, Enrique Monteagudo García, Manuel Insua,... Esta necrópole foi estudada por Luís Monteagudo García, que a localiza ao longo dunha meseta de dous quilómetros e medio, limitada ao norte polo arroio de Rutis e ao sur polo de Trabe, e cunha altitude media de 220 m. Disponse ao longo dun camiño de carro que comunicaba a parroquia de Rutis e Uxes.

A necrópole áchase na confluencia dos concellos de Culleredo, A Coruña e Arteixo. Gran número de mámoas localízanse nos límites municipais e son utilizadas con marcos para a delimitación dos mesmos, noutras ocasións trasladáronse para sinalar límites de leiras e propiedades privadas.

O total de mámoas localizadas foi de trinta e tres, delas dezanove no término municipal de Culleredo. Monteagudo dividiu a necrópole en seis sectores:

A- Fonte de Ouro.

B- Leira de Cachafeiro.

C- Montes da Zapateira e Monte da Arca. Contorna do Trabe.

D- Monte de Cambás.

E- Monte Aberto.

F- Monte de Orro.

A totalidade dos túmulos foran expoliados facía séculos para extraer as lousas que eran reutilizadas en novas construcións, por iso desapareceron a maioría das lousas e tampouco foron achados enxovais. En xeral son de pequenas dimensións, con diámetros que van desde os 10 m. A mámoa máis grande áchase no concello da Coruña, no Monte da Arca en terreos do Club de Golf, no plano figura co nº 28; foi sometida a unha escavación de urxencia no ano 1976, pois ía ser achanzada por esixencias do campo de golf.
Sobre a cronoloxía desta necrópole Monteagudo conxectura a súa pertenza á etapa final do megalitismo por tratarse de pequenas mámoas ou cistas; pero carecemos de datos suficientes para aseguralo, pois non se acharon obxectos que axuden a determinalo con exactitude.