A Romanización

A colonización romana orixina transformacións definitivas na historia de Galicia. Tras a conquista militar levouse a cabo a integración administrativa de Gallaecia no Imperio, neste aspecto as calzadas xogarán un papel decisivo no control e vertebración do territorio. As calzadas posibilitaron os movementos das tropas, pero, ademais, puxeron a Galicia en contacto co resto do imperio. As obras realizadas nesta época teñen un carácter funcional, son obras de enxeñería que buscan dotar ao territorio conquistado da infraestructura necesaria para o desenvolvemento de actividades como o comercio ou a explotación minera: pontes, acueductos, canalizacións, portos, faros, murallas,...

Segundo o Itinerario Antonino que data do século III d.c., por Galicia discorrían catro vías:

vía XVII que unía Brácara e Astúrica, por Chaves

vía XVIII, que comunica estas dúas cidades, por Ourense

vía XIX, enlazaba Brácara con Astúrica, pasando por Lucus Augusti

vía XX, que se dirixía ás mesmas cidades que a anterior, pero o seu trazado aproveitaba a depresión meridiana galega discorrendo próxima á costa, de aí a súa denominación "per tola maritima".

Aínda que existen certas lagoas sobre o percorrido exacto das calzadas; no que incumbe ao noso concello, parece posíbel afirmar que a vía "per loca maritima" que unía Brigantium (A Coruña) e Lucus Augusti (Lugo), transcorría polo Burgo, único paso posíbel cara á Coruña.

A existencia de núcleo de poboación no Burgo durante a época romana está verificado por unha estela funeraria atopada por Cornide, na que unha viúva invoca aos deuses manes polo seu marido morto aos 47 anos de idade:

D. M. S.
G. IVL. SEVERO.
AN. XLVII
IVLIA.SEVERA
MARITO
PIENTISIMO

No que se refire a unha orixe romana da ponte do Burgo, esta idea queda totalmente descartada. A fábrica da ponte é medieval e, de existir unha ponte con anterioridade, non pode asegurarse que a súa ubicación coincidise coa actual, pois as escavacións realizadas antes da súa restauración non aportaron ningunha luz respecto diso.