Podemos considerar a Idade Media como a época dourada do noso concello, pola importancia histórica e artística deste período. O Burgo chegou a eclipsar á vila coruñesa cando a súa poboación se viu obrigada a retirarse cara ao interior da ría ante os ataques normandos que abordelaban o litoral galego. Foi un fenómeno xeneralizado en Galicia que provocou a creación de novos burgos en emprazamentos de difícil acceso marítimo, ou cando menos onde se eliminaba a posibilidade dun ataque sorpresa.
Tras a fragmentación e decadencia do Imperio Romano as calzadas non perderon o seu uso, continuando a súa función durante a Idade Media, no seu paso por Culleredo como camiño comercial e como via de peregrinación xacobea. Durante o medievo o fenómeno das peregrinacións alcanza un enorme desenvolvemento, a idea errónea de que o camiño francés era a verdadeira ruta xacobea, fomentou o menor aprezo doutras vías non menos importantes, como o camiño inglés. O Burgo e despois A Coruña eran portos de arribada de navíos procedentes do norte de Europa: Illas Británicas, Países Baixos e costa occidental francesa. O transporte marítimo era utilizado para a exportación de produtos galegos como viño e coiros, e aproveitado polos peregrinos que optaban por realizar a viaxe por mar, máis curta aínda que non menos perigosoa. Baste con citar os principais propietarios de terras e dereitos no Burgo para facernos unha idea do desenvolvemento que alcanzou neste período: Mosteiro de Sobrado: muíños de Acea de Ama; Igrexa de Santiago: igrexa do Burgo e propiedades; Orde dos Cabaleiros templarios, situados na beira de Cambre; e diversas familias nobres, entre elas os Traba.
Os historiadores non chegan a poñerse de acordo sobre a realidade que vive a vila coruñesa durante este período; algúns opinan que o despoboamento foi total, mentres que outros historiadores clásicos, como Murguía, afirman que o abandono nunca foi completo. O que se sabemos é que perdeu o seu papel preponderante, que lle será devolto polo rei Alfonso IX, cando en 1208 decide repoboar A Coruña obrigando ás xentes do Burgo a trasladarse de novo á Coruña. Este interese non é inxustificado, responde ao desexo de fomentar o desenvolvemento dun novo porto fiel á coroa, libre da presenza doutros poderes nobilarios ou eclesiásticos que impedirían o control do mesmo.
A torre de Celas ou Vinseira se empraza aos pés do Monte Xalo, fronteira natural da comarca mariñá, lugar de tránsito entre A Coruña e as terras interiores coruñesas, antiga vía cara a Santiago e camiño de arrieros ata non fai moitos anos.
O que hoxe podemos contemplar é só unha parte da fortificación erixida en época baixomedieval. A diferenza das fortalezas castelás, grandes bastións militares e puntos estratéxicos de avance na Reconquista, en Galicia as fortalezas eran reductos defensivos cuxa finalidade era a de controlar os seus vasalos e defender o seu patrimonio fronte a señoríos veciños: a súa presenza era o símbolo do dominio do señor sobre os seus vasalos.
Descoñecemos con exactitude a data da súa construción, posibelmente a principios do século XIV, pois en 1395 as súas edificacións alcanzaran o desenvolvemento suficiente para motivar a inquietude do concello coruñés. Esta torre e casa-forte achábase dentro dos límites territoriais do alfoz da reguenga vila coruñesa e situada no camiño de tránsito entre A Coruña e Santiago. O concello coruñés entra en preitos co seu propietario, Martín Becerra, por desenvolver un verdadeiro señorío xurisdicional dentro do couto coruñés, chegando ata a cobrar peaxes polo paso de mercadorías e transeúntes. O preito sáldase en favor da Coruña, obrigando a M. Becerra a destruír todas aquelas edificacións de carácter defensivo como ameado, alturas, murallas, porta de acceso elevada, alxibe e a achanzar o terreo onde se achaban as edificacións.
A torre medieval de Vinseira posuía un pazo encostado que foi destruído fai poucos anos, os brasóns que adornaban os seus muros foron salvados da destrución trasladándoos ao pazo de Anceis (Carral). O pazo de Celas pertenceu a grandes familias nobres galegas como os Andrade, orixe da casa Freixomil, Maldonado, Becerra, Priegue... Este pazo correspondía a aqueles que, conservando a torre da homenaxe medieval, encostaron á fortaleza unha residencia máis acorde coas comodidades da época, mantendo como legado do seu pasado a denominación de Torre.
Actualmente é un edificio exento, un cubo de 8 x 8 m., realizado con sillares de granito ben escuadrados. Presenta varias seteiras de estreita boca e amplo derrame interno, que denota a súa función militar. No piso superior ábrense dúas fiestras cuadrangulares, con bancadas de pedra no interior. No lintel dunha destas fiestras consérvanse tres brasóns dos Andrade, Freixomil e outro de dificil interpretación. A vivenda encostada durante séculos deixou as súas pegadas nos muros da torre, á altura do segundo nivel podemos apreciar a silueta do tellado nas anclaxes do muro piñón, e no primeiro piso consérvase unha gran fiestra que parece foi porta de acceso á torre desde a vivenda. No remate da torre observamos as troneiras que nos recordan o carácter bélico do edificio.
A torre atopábase en total ruína, só permanecían en pé os muros perimetrais. En 1992 foi restaurada polos alumnos da Escola-Taller "Ponte do Burgo", acondicionándoa como Museo; axardiñouse tamén a finca como parque público. En 1994 foi inaugurado o Museo Etnográfico "Torre de Celas" que acolle unha mostra do traxe tradicional galego, así como obxectos tradicionais recompilados no concello.
A ponte do Burgo é o monumento máis emblemático do concello, non en balde é o símbolo do escudo municipal. Ata fai poucos anos atopábase en total abandono, pero en 1992 comezaron as obras de reconstrución, levadas a cabo polos alumnos das Escola Taller "Ponte do Burgo". Está situado sobre a desembocadura do río Mero, límite dos concellos de Cambre e Culleredo, actualmente paso peonil entre as dúas beiras.
O carácter estratéxico deste paso, única via terrestre cara á Coruña ocasionou que fose destruído en varias ocasións, en 1589 durante o ataque de Drake e en 1809, durante a guerra da Independencia, foi voado polas tropas inglesas para gardar a retaguarda na súa fuxida cara ao porto da Coruña, onde tiñan previsto embarcar. Pero o abandono foi o seu peor aliado: tras a construción da ponte na Pasaxe, perdeu a súa importancia, e, coa realización dunha nova ponte no Burgo, caeu prácticamente na ruína.
Durante moitos anos a súa construción foi atribuída aos romanos, identificados popularmente como os autores de grandes obras cuxa orixe pérderse na memoria colectiva.
A ponte adoita datarse nos séculos XII-XIII, pero non se teñen noticias documentais que certifiquen que isto fose así. O estudo formal da ponte permite encadrar a súa construción na Baixa Idade Media. Na igrexa de Santiago do Burgo consérvase un sillar procedente da ponte que aporta máis datos sobre a cronoloxía; nel figuran os emblemas dos Andrade e Moscoso. Datado a finais do século XIV, é un relevo conmemorativo da construción de o ponte ou reconstrución de gran embergadura baixo o patrocinio de Fernán Pérez de Andrade.
A ponte conservaba seis dos arcos medievais, os demais tiveron que ser reconstruídos pois desapareceran totalmente. Cabe a posibilidade de que a lonxitude da ponte fose maior que a actual pois os depósitos arrastrados polo río estreitaron o curso do río.
O material utilizado para a súa construción é o granito, en sillares ben escuadrados, unidos con morteiro. Pero como é habitual nas pontes medievais utilizáronse materiais de desfeito, como cascallos, para reencher os cubos; isto motivou o deterioro e posterior derrubamento dos mesmos. Nos muros internos dos piares pódense observar os mechinais utilizados para a anclaxe das cimbras durante a realización dos arcos.
O seu alzado ten unha leve inclinación con rasante a dobre vertente polo que as luces dos arcos presentan valores descendentes cara aos extremos. Os piares presentan tallamares triangulares a ambos os dous lados prolongándose ata o rasante; con isto conséguese crear uns apartadoiros que facilitaban o cruzamento de xinetes e carros, dificultoso pola estreitez da vía. Ao longo do nivel do rasante existían varios desaguadoiros para evitar a acumulación de augas na calzada; aínda se conserva algún deles na zona central da ponte. Do pretil non se conserva ningunha peza antiga, polo que foi reposto seguindo modelos da época. O pavimento orixinal desaparecera, únicamente podemos contemplar un pequeno fragmento no arco de unión con Cambre, que se deixou á vista tras a restauración.
Unha das características máis representativas das pontes medievais é a estreitez dos seus accesos e calzada. Isto tiña a súa razón de ser na necesidade de controlar o tránsito, obrigando aos transeúntes a pagar peaxe polo uso da ponte: pontádego.
A ponte do Burgo é un símbolo do noso pasado histórico que grazas á súa rehabilitación puido recuperar o esplendor do cal era merecedor. A recuperación da ría e a construción do paseo marítimo, convertérono nun lugar privilexiado na costa coruñesa.
Ponte sobre o río Valiñas, no límite dos concellos de Cambre e Culleredo, áchase no que foi o antigo camiño real e anteriormente camiño de Santiago. A variación dos trazados da estrada deixaron a súa pegada con outras dúas pontes paralelas a esta.
Ponte dunha única luz, como peculiaridade cabe destacar a superposición de dous arcos, ambos de medio punto. O superior foi o que se construíu primeiro; a súa deformación obrigou a levantar outro arco inferior que reforzase a ponte, sendo despois reenchido o espazo entre ambos. Conserva a antiga calzada empedrada, pero debeu perder parte da súa recubrimiento porque o rasante coincide coas dovelas do arco superior. A súa conservación require un coidado continuado pois a maleza crece sobre a súa estrutura, impedindo a observación completa da obra.
Non existen datos documentais que certifiquen a súa antigüidade, pero a súas características formais e construtivas e a similitude con outras pontes como a ponte da Chainza ou ponte de S. Cibrán de Cangas, permítenos pensar nunha fábrica medieval que fose reformada en épocas máis recentes.