Retablos

Retablo Maior:

O historiador Cardeso Liñares foi o descubridor da autoría deste retablo, aceptado xa como obra de José Ferreiro, o escultor galego de máis relevancia do século XVIII.

Cardeso chegou a esta conclusión grazas á análise formal da obra e ao estudo dos libros da parroquia veciña de Loureda (Arteixo). Curiosamente foi a admiración do retablo de Orro o que provocou que o párroco de Loureda decidísese a encargar a este mesmo escultor un retablo para a súa igrexa; toda esta información debémoslla ao cura párroco de Loureda, D. Francisco Ventura Valeiro que en 1863 preocupouse por recoller estes datos.

Ferreiro (1738-1830) naceu en Noia e formouse no taller que o escultor J. Gambino posuía en Santiago. Casouse coa súa filla e cando el morreu fíxose cargo do taller, realizando encargos para toda Galicia. As obras saídas deste taller foron numerosísimas, e, aínda que non todas procedían das mans do mestre, estaban baixo o seu supervisión; a isto debemos engadir a súa lonxevidade, dado que morreu á idade de 92 anos.

Ferreiro é o maior expoñente do período de transición entre o barroco e o neoclásico; formouse no barroco pero foi capaz de asimilar as novas formulacións neoclásicas. Entre as súas obras máis sobresaíntes está o conxunto escultórico do Pazo de Raxoi en Santiago, diversos traballos para as grandes ordes relixiosas galegas nos mosteiros de S. Martín Pinario, Samos, Sobrado, ... ou innumerábeis retablos e imaxes espalladas por toda Galicia.

O retablo da Transfiguración de Orro pertence á súa primeira época, que comprende desde a súa formación con Gambino, ata a morte deste en 1775. Esta etapa caracterízase polo influxo do seu mestre e o gusto italianizante transmitido por el. Aínda pervive o aire barroco no tratamento das roupas, moi movidas e angulosas e na disposición das figuras en posturas forzadas con abundantes escorzos.

O retablo consta dun único corpo no que se mostra a escena da Transfiguración, xalonada por dous pares de columnas de orde xónico que sosteñen un frontón curvo sobre un entallamento con molduras sobredouradas. A escena organízase en dous grupos diferenciados: a parte inferior representa aos apóstolos Pedro, Paulo e Santiago, nunha contorna natural, e na parte superior atópase Cristo acompañado de Elías e Moisés, as tres imaxes sobre peanas con nubes. Os grupos se contrapoñen estéticamente, utilizando a luz como elemento diferenciador, así a zona inferior é moito máis pobre en luz, mentres que a superior dotouse de maior luminosidade, efecto que busca ademais unha correlación simbólica, Cristo irradia luz (a utilización dos raios será unha constante na obra de Ferreiro). A comunicación entre ambos grupos conséguese pola disposición das imaxes inferiores que alzan a súa mirada para dirixir a nosa atención cara á figura central: Cristo.

O retablo conserva moitos dos postulados barrocos, como a teatralidade, as rebuscadas pouses das figuras que se retorcen para admirar a Cristo, e en efectos como o da imaxe divina situada sobre Cristo, que se asoma de medio corpo, coma se atravesase o pano do retablo (constante na obra do escultor barroco Simón Rodríguez).

Desde logo é un orgullo contar con tan valiosa obra no noso concello, e sería de agradecer que se lle prestase maior atención da que se presta, pois a súa conservación periga polas características da igrexa.

Retablo lateral:

Está situado baixo o arco do muro norte, dedicado á Virxe Peregrina, cuxa imaxe atóparse exposta na fornela central. O retablo consta dun frontón curvo que repousa sobre un entallamento, soportado por dúas columnas de capiteis xónicos. Sen dúbida o artista tomou como referencia o retablo maior, pero evidentemente a súa calidade é menor.