O retablo divídese horizontalmente en tres partes: predela, corpo central e ático e horizontalmente o seu corpo principal en tres rúas. O corpo central, de dimensións maiores que as laterais, acolle unha fornela con arco de medio punto e cuberta de cascarón. As rúas laterais están ocupadas por dous pares de columnas de orde composta e base tórica. As rúas laterais avanzan sobre o pano central, creando contraste lumínico e sensación de movemento que é aínda máis evidente no entallamento superior debido ás molduras sobredouradas. A predela tamén mostra a diversidade de planos alternantes, as rúas laterais están conformadas por dúas plintos de gran volume con decoración de rocalla, sobre os que se levantan as columnas; a rúa central queda así nun plano retrotraído. Este xogo de panos e contrapanos vese completado cos paneis curvos que pechan as rúas laterais cara ao muro do altar. O retablo coróase cun ático de frontón curvo que ocupa a rúa central, decorado cun fondo que irradia haces de luz divina.
Este retablo é o máis valioso dos que se conservan na igrexa e un dos mellores do noso concello. A arquitectura do retablo bebe aínda de fontes barrocas: gusto polo claro-escuro, planos asimétricos e movemento de panos. Pero a obra liberouse do horror vacui e da profusión decorativa que impedía a visión das estruturas, propio do barroco. En Galicia o Neoclásico aparece no século XVIII, pero vai ser un proceso lento no que as novas formulacións aos poucos fundiranse coa pervivencia da tradición barroca, tan arraigada na arte galega.
A ambos os dous lados da nave existen dous retablos xemelgos, moi similares aos de S. Martín de Sésamo. Son retablos simples, sen divisións verticais, cunha única rúa e tres corpos: predela, corpo principal con columnas xónicas e ático de frontón curvo con s aos lados. Enmarcados na corrente estilística neoclásica, datados na segunda metade do século XIX.