Personaxes Ilustres

As persoas, nós e as que nos precederon nos tempos, somos suxeitos da Historia, a que imos facendo coas nosas obras, coas nosas crenzas, co noso traballo, coa nosa mentalidade. A historia de Culleredo é, pois, a historia particular de milleiros e milleiros de homes e mulleres que nos precederon habitando as terras deste municipio. É unha suma das vidas de todos: labregos, nobres, artesáns, fidalgos, obreiros, eclesiásticos, o conxunto de todas as vidas particulares.

Pero sempre hai individualidades que destacan do conxunto, que polas súas cualidades asomaron un pouco por riba do océano dos demais, e que axudaron, coa súa actividade, científica, artística, etc., a que o municipio e a súa historia sexan un pouco máis coñecidos en Galicia.

Juan Lembeye e Lartaud

Naceu en Ferrol en 1816, fillo dunha familia de orixe francesa e de tradición liberal.

Emigra, como tantos galegos, a Cuba, antes de 1840. Alí, na Habana, monta unha Academia de Comercio, estuda a fauna da illa e relaciónase cos naturalistas e intelectuais alí residentes. En 1850 publica o libro Aves de la Isla de Cuba, no cal aporta, ao mundo científico internacional, catro novas especies que levan o seu nome. Outro soado naturalista cubano, Poey, dedícalle a Lembeye unha das especies que descobre.

Logo de recibir cartas de científicos de moitos países, e especialmente do coruñés Ramón de la Sagra, segue cos seus traballos e, ademais, dedícase á recolección de insectos. Parte da súa colección custódiase na Casa das Ciencias da Coruña.

Antes de 1863 regresa a Galicia, establecéndose en Culleredo, resultando elixido concelleiro xa ese ano. Na Revista Económica de 1862-1863 menciónase que Lembeye está experimentando, nas súas explotacións de Culleredo, unha ordeñadora mecánica traída de Inglaterra polo Sr. Pardo Bazán. Comeza, nesta etapa, a dedicarse ao mundo da agronomía, estudando os males do trigo, os novos abonos, as sulfatacións, etc. Froito destas investigacións son dous libros, La caries, inoculación esporádica de los trigos y medio de evitarla, publicado en 1876 e Consideraciones y consejos agrícolas para mejorar las cosechas de trigo en Galicia y perfeccionar los abonos, en 1885.

Dedícase á investigación e ao traballo pedagóxico cos labregos da comarca, ensinándolles como mellorar as súas colleitas. En 1868, é elixido alcalde de Culleredo, permanecendo no posto ata 1871 e realizando un importante labor. En 1889 volve ser elixido alcalde, pero unha grave dolencia levaríao á morte, en decembro do mesmo ano.

Juan Lembeye está enterrado no cemiterio de Culleredo, no seu panteón familiar. O Concello de Culleredo deulle o seu nome á Aula de Natureza radicada no Xardín Botánico do Burgo e a unha rúa na parroquia de Culleredo.

 

Evaristo Martelo Paumán e Nero

Naceu na Coruña en 1853 e morreu na mesma cidade en 1928. Membro da nobreza, foi Marqués de Almeiras.

Descendente do trovador e almirante Paio Gómez Chariño, comezou a estudar para mariño, pero dedicouse ao Dereito, vivindo parte da súa vida no seu Pazo de Ombre.

Foi un dos contertulios da famosa Cova Céltica coruñesa, na que participaban, entre outros, Eduardo Pondal, con que o trabou unha gran amizade, influíndo moito na súa obra.

Fixo gala dun patriotismo galego exemplar, sobre todo na defensa do noso idioma, ao que cualificaba como "fala de reis".

A súa obra, escasa en xeral, aparece recollida nun volume, Líricas Galegas (1894), na cal figuran obras pequenas súas anteriores, como Os afillados do demo (1885), ou A noite de San Silvestre (1890). Estas dúas obras pequenas, xunto con outra que acabou inédita, As toupas do Pindo, formarían un conxunto caracterizado polo ton satírico e a defensa do idioma.

Dentro dos seus poemas patrióticos destaca Andeiro (1922).

Outra obra pequena súa é o folleto Landras e baias (1919).

O Concello de Culleredo dedicoulle unha rúa na parroquia de Almeiras.

 

Sofía Casanova

Sofía Pérez de Eguía Casanova naceu na Coruña o 30 de setembro de 1861. Abandonada a familia polo pai, Vicente Pérez Eguía, adoptou o apelido materno. Residiu longas tempadas, na súa infancia, no Pazo de Ombre. Marcha a Madrid e alí casa, en 1887, co filósofo polaco Vicente Lutoslawski, pasando a residir en Polonia, aínda que, durante varios anos, veranea nunha casa de Mera (Oleiros).

Nestes anos viviu de preto a revolución soviética e a guerra civil rusa.

Regresa a España en 1919, pobre e case cega, sendo condecorada por Alfonso XIII coa "Cruz da Beneficiencia".

Regresa a Polonia, onde quizais pasará a peor etapa da súa vida, ao sufrir o seu país de adopción a invasión nazi. Sobreviviente desta tráxica circunstancia, falecería en Poznan en 1958.

Foi nomeada académica da Real Academia Galega en 1906, e Académica de Honor en 1952.

Muller políglota (dominaba varios idiomas) colaborou con asiduidade na prensa española da súa época: ABC, El Debate, La Época, Heraldo de Madrid, El Liberal, El Mundo ou El Imparcial, así como en revistas galegas e sudamericanas.

Cultivou todos os xéneros literarios: ensaio, narrativa, poesía, teatro, libros de viaxes. Podemos destacar, entre a súa vasta obra, os seguintes libros: De la guerra. Crónicas de Polonia y Rusia (1916), De la revolución rusa en 1917 (1918), Impresiones de una mujer en el frente oriental de la Guerra Europea (1919), La revolución bolchevista. Diario de una testigo (1920), Poesías (1885), El cancionero de la dicha (1911), Triunfo de amor (1919), Princesa rusa (1922), La madeja. Comedia frívola en tres actos y prosa (1913).

O Colexio de primaria de Vilaboa leva o seu nome.

 

Alejandro Pérez Luguín

Naceu en Madrid en 1870 e morreu na súa residencia de Acea de Ama (O Burgo) en 1926.

Estudou Dereito en Santiago, sendo activo colaborador da prensa escrita da súa época. Varios libros recollen os seus artigos; entre eles, La corredoira y la rúa (1919).

As súas novelas abarcan dúas temáticas: a galega e a andaluza. Na primeira destaca a celebérima obra La Casa de la Troya. Tamén de ambiente galego é a novela incompleta Arminda Moscoso, na cal fai referencia ás Mariñas coruñesas, nas que residía longas tempadas na súa quinta de Acea de Ama, na que o visitaría a morte.

Pérez Lugín estaba emparentado con Rosalía de Castro, xa que a súa avóa era irmá da nai de Rosalía.

Dedicouselle unha rúa na parroquia de Vilaboa.

 

Luís Quintas Goyanes

Pintor nacido na Coruña en 1907. Foi marqués de Almeiras. Discípulo de Castelao, Quintas Goyanes é un pintor cunha extensa obra, na que abundan os retratos, pero non están ausentes da súa obra as paisaxes, as escenas populares, os recunchos pintorescos, etc.

A súa obra está repartida en museos de todo o mundo: Vaticano, A Coruña, A Habana, Madrid, Oviedo, Santiago, Lisboa, Oporto, Barcelona, Bos Aires, etc.

Foi director do Museo Provincial de Belas Artes e membro numerario da Real Academia Galega de Belas Artes "Nosa Señora do Rosario", correspondente da Real Academia Galega, da Real Academia das Artes de San Fernando, entre outras. Tamén foi distinguido con encomenda con placa de Alfonso X o Sabio.

 

Miguel González Garcés

Naceu na Coruña en 1916, falecendo en 1989. Llicenciouse en Filosofía e Letras, na especialidade de Historia, en Santiago.

Dedicouse a diversas tarefas, tanto no campo da investigación histórica, como no da literatura ou o xornalismo.

Como historiador, podemos destacar obras como Historia de La Coruña, na cal hai constantes referencias á historia de Culleredo, ou María Pita. Símbolo de la libertad de La Coruña.

Cultivou con gran acerto a poesía, tanto en galego como en castelán. Entre os seus libros de poesía en galego podemos destacar: Bailada dos anxos (1961), Poema ao meu mar (1968), Poemas a Albertiño (1970), Nas faíscas do soño (1972), Paso soa de luz (1975), Claridade en que a tentas me persigo (1977), polo que obtivo ao ano seguinte o Premio Nacional da Crítica Española e Un home só na néboa (1989), o seu derradeiro, seleccionado para o Premio Nacional de Literatura.

Como articulista son numerosísimas as súas colaboracións na prensa escrita, abarcando diversas temáticas: historia, arte, literatura, etc.

Entra as súas distincións, podemos destacar tamén o "Premio Fernández Latorre" de Xornalismo en 1960, ou ser distinguido en 1967 polo goberno francés coas "Palmas Académicas".

Dirixiu moitos anos a Casa da Cultura coruñesa.

Na súa casa de O Portádego, na que residía moitos meses do ano, escribiría parte dos seus libros, facendo en varios deles referencia a este lugar. En 1985 foi nomeado "Fillo adoptivo de Culleredo", logo de doar ao pobo unha parte importante da súa biblioteca particular. Unha avenida do municipio leva o seu nome.

 

José Cardeso Liñares

Naceu na Baña en 1924. Estudou no Seminario de Santiago, sendo ordenado sacerdote en 1949. É destinado á parroquia de Rutis en 1953, residindo nela desde entón.

Estuda Filosofía e Letras, lendo a súa tesina de licenciatura sobre "El arte religioso en el Valle de Veiga", en 1974. Doutórase en 1989, coa tese "El arte religioso en la Tierra de Barcala".

Tamén cursó tres anos de Sociología.

Como sacerdote, entre os seus logros está o levantamiento da igrexa parroquial e do colexio anexo. Foi profesor na Universidade Laboral.

José Cardeso é autor dunha vasta colección de obras. En libros publicou Luces y Sombras del Arte en As Mariñas dos Frades, Santuarios Marianos de Galicia, Rutis-Vilaboa. Pasado, presente y futuro de una parroquia cambiante e El arte religioso en la Tierra de Barcala. Tamén numerosos artigos sobre arte en revistas como Compostellanum, Anuario Brigantino, Esculca, nos volumes do Coloquio Galaico-minhoto, II e III, etc. Foi o primeiro investigador que demostrou públicamente que Sofía Casanova naceu na Coruña, e non en Almeiras. Das súas colaboracións cos xornais La Voz de Galicia ou El Ideal Galego sairían numerosas crónicas sobre Culleredo, e, no segundo, estudos sobre arte, viaxes, xa que visitou Rusia, India, Perú ou Marrocos.

En revistas relixiosas, como a galega Encrucillada ou Vida Nueva, apareceron ducias de artigos de tema relixioso.

É membro fundador da Sociedade Cultural "Museo As Mariñas dous Frades", e activo conferenciante de temas variados.

A Axencia de Lectura de Vilaboa leva o seu nome. A ela fixo unha importante doazón de libros..

 

María Cagiao

Naceu na Coruña e faleceu en Oleiros en 1971.

Entre 1950 e 1965 residiu en Cordeda, no pazo da familia do seu home, en plena etapa de madurez artística.

Excelente pintora, destacou especialmente polas súas "flores". Ningunha tiña secretos para ela: rosas, margaritas, caraveis, hortensias, etc. Pero o seu mundo pictórico non só se limitou ás flores; paisaxes, bodegóns e retratos tamén foron temas da súa preferencia.

Levou a cabo exposicións en Portugal, Salamanca, Oviedo, Madrid, Málaga, Valencia, León, Vigo, A Coruña e Culleredo.

A súa obra está espallada en moitos países: España, Inglaterra, Italia, Estados Unidos, Cuba, Arxentina.

Unha rúa do municipio leva o seu nome, así como un Centro Social municipal.

 

Ramón Valcarce Vega

O "cura de Sésamo", ou "das Encrobas", naceu na Coruña o 5 de setembro de 1935. Estudou Dereito en Salamanca, pero decide, aos 24 anos, facerse sacerdote. Estuda no Seminario de Santiago, en Roma.

Logo de regresar a Galicia, sería expulsado do Seminario. A ordenación sacerdotal chegará en 1969. En 1971 é destinado a Culleredo, para rexentar as parroquias de Sésamo e Sueiro. Aquí inicia o seu particular exercicio de magisterio sacerdotal: participa cos veciños nos traballos no campo, non cobra polos oficios relixiosos e comeza a súa circulación polo mundo sindical agrario. Asume o nacionalismo, é encarcelado en varias ocasións, e é candidato ao Senado en 1977. Elixido concelleiro, polo BNG, de Culleredo en 1979, renova en 1983, ocupando a concellería de Cultura, na que desenvolverá un importante labor.

Participou activamente nas mobilizacións máis importantes das décadas dos 70 aos 80: Encrobas, Baldallo, Xove, Enchousas.

No ano 1987 é enviado a Salamanca. Escribe entón un importantísimo traballo, "O compromiso político dun prebítero nunha realidade concreta: Galiza", no cal afloran as súas ideas galeguistas e a súa asunción da teoloxía da liberación.

Regresa a Galicia, sendo destinado a As Pontes, onde tamén dará clases nun Instituto e colaborará cos labregos e con grupos ecoloxistas.

En 1991 aflóralle con virulencia unha antiga doenza de cancro, que fai que no seu último ano de vida sufra con gran resignación e entereza o mal que o ía corroendo, falecendo en febreiro de 1992. É neste último ano da súa vida cando escribe o seu Diario, no que recolle os seus sentimentos relixiosos, a evolución da súa doenza, etc. Este diario foi editado. O mesmo está tinguido dun fondo misticismo, non en balde Moncho era gran admirador de San Juan da Cruz, San Francisco e Gandhi.

Nunca se esqueceu de Sésamo e Sueiro, establecendo no seu testamento que a súa biblioteca particular era para estas parroquias. Xa antes, cando fora sacerdote nelas, doara terreos do igrexario para a construción dun campo de fútbol.

O Centro municipal de Sésamo leva o seu nome.

Ignacio Sabio Garrido

A súa vida desenvólvese no Burgo, de onde era natural e onde falecería en 1980.

Mestre ebanista no Reformatorio, nos tempos de lecer dedícase á pintura e á literatura. Como pintor a súa obra abarca varios xéneros: paisaxes, bodegóns, recunchos típicos, mariñas, etc. A súa fonte de inspiración é a ría do Burgo e os seus arredores.

Autodidacta, a súa pintura alcanza en ocasións unha notable calidade.

A súa obra poética é escasa, e de corte romántico tinguido de surrealismo, conservada pola familia nun manuscrito no cal reflexiona sobre as persoas e as paisaxes das Mariñas.

 

José Rey Lago

Naceu en Cobas (Viveiro) en 1935. Aprendeu o oficio de ferreiro, chegando ao Burgo van máis de 30 anos.

O amor á arte que profesa levouno a non conformarse con ser un simple profesional do oficio. Se as súas obras de artesanía (reixas, portais), alcanzan moitas veces a categoría de verdadeiras obras de arte, tamén creou todo un mundo persoal, no que se mestura o realismo co surrealismo, o óbvio co simbólico, a real co poético. Neste campo a súa obra é variadísima: barcos, mobles, escudos heráldicos, representacións de monumentos, animais fantásticos, mariñas, etc. En todas elas traballa e malea, como moderno alquimista, o latón, o cobre e o ferro.

A súa obra está espallada por moitos lugares de España (pódese destacar algunha obra súa na Catedral de Burgos) en numerosas igrexas galegas, como nos Salesianos da Coruña, a de Laxe, O Burgo, Temple; conservando na súa casa centos de obras, que a converten nun verdadeiro museo.

José Rey é, quizais, o mellor de Galicia no seu traballo, que foi encomiado ata polos Reis de España.

O Concello deu o seu nome á Sala de Exposicións de Acea de Ama.

 

Eladio De La Iglesia Doldán

Naceu no Temple en 1925 e faleceu en Almeiras, onde residía, en 1985. Mecánico de profesión, traballou na Fábrica de Armas e estivo emigrado en Venezuela e Inglaterra.

Coñecido como "o poeta", Eladio, home formado coas lecturas dos clásicos galegos: Curros, Pondal, Rosalía, é un poeta popular, de gran sentimento. O seu mundo poético foi o cotiá, as festas, a familia, os amigos, os labregos, os obreiros, Galicia en suma.

Comprometido co país, publica en galego nos anos escuros, destacando as súas colaboracións no famoso e desaparecido periódico compostelano La Noche. Tamén colabora en revistas editadas por asociacións culturais. Algúns dos seus poemas están publicados no libro de José Casal O que di a gaita. Con este músico uníao unha gran amizade, e colaboraron en varias ocasións: precisamente un poema de Eladio, "Bandeira galega", musicado por Casal, gañaría o Festival da Ría de Ares.

Foi un dos fundadores da Sociedade Recreativa de Almeiras, e póstumamente editouse parte da súa obra, Poesía (1986).

O Concello de Culleredo dedicoulle unha rúa na parroquia de Almeiras.

Pilar Pallarés García

Naceu en Culleredo en 1957. É licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa e profesora nun Instituto da Coruña.

É unha das poetas máis representativas da lírica galega actual. Publicou tres poemarios: Entre lusco e fusco (1980), Sétima Soidade, que obtivo o prestixioso premio Esquío de poesía, en 1984 e Livro das devoracións, Premio da Crítica. Tamén nos volumes colectivos De amor e desamor I, e De amor e desamor II, figuran poemas seus.

Parte da súa poesía está publicada en numerosas revistas: Festa da Palavra Silenciada, Luces de Galicia, Dorna, Nordés, Coordenadas, Area, entre outras.

Como estudosa da literatura galega publicou diversos ensaios e artigos sobre autores como Pimentel, Cunqueiro, Dieste, Rosalía, en revistas como Grial, ou en especiais sobre autores galegos editados por A Nosa Terra. Destaca entre todos "Rosalía: unha leitura feminista", publicado no libro colectivo Rosalía de Castro: unha obra non asumida.

Publicou un estudo crítico sobre Pimentel: Rosas na sombra. A poesía de Luís Pimentel (1991) e preparou o prólogo, a antología e as notas críticas da obra Fillo de Eva. (88 poemas de Ricardo Carvalho Calero) (1992).

Participou en numerosos recitales poéticos, traballando en varias asociacións culturais e dictado conferencias en diversos lugares de Galicia, así como en Barcelona, Madrid ou Lisboa.

Outras personaxes destacadas

Aparte das persoas anteriores, houbo e hai en Culleredo outras que tamén merecen seren apuntadas.

Entre elas podemos destacar a VASCO DE APONTE, señor da fortaleza de Celas a principios do século XVI, e cuxa obra Recuento de las Casas y linajes de Galicia é imprescindible para coñecer a nobreza galega e a de Culleredo.

ANTÓN VILAR PONTE (1881-1936), que foi farmacéutico da beneficiencia municipal de Culleredo entre 1930 a 1936. Home polifacético: boticario, xornalista, escritor, político, foi director de varios xornais, entre eles A Nosa Terra e deputado a Cortes entre 1931-1936. A súa obra é abundante: centos de artigos de prensa, ou obras como Entre dous abismos (1920), Almas mortas (1922), o drama O Mariscal (1926), escrito con Ramón Cabanillas.

ENRIQUE REGUEIRA, "Canducho", o músico popular máis famoso de Culleredo, que formou parte, na súa mocidade, do cuarteto Os canduchos de Vilaboa, fundado a finais dos anos sesenta, e o grupo Os da Veira do Monte, de Vilaboa, no cal aprenderon a tocar e a bailar centos de nenos/as, chegando ata a editar algún disco.

ANDRÉS PAN VIEIRO que puxo en marcha na súa etapa de alcalde de Culleredo, nos últimos anos da década dos vinte, as chamadas "Bibliotecas circulantes", instaladas nas escolas do Concello, nun intento de levar a cultura a toda a poboación, mayoritariamente analfabeta, e cuxa biblioteca particular, de varios miles de volumes, forma xa parte do patrimonio municipal. O Museo dos Muíños de Acea de Ama leva o seu nome.

RAMÓN BRANCO REY (1957-1986), fundador do grupo de teatro "Maiolongo", de Vilaboa, o único grupo estable que existiu en Culleredo, cuxas dúas obras Camiñar a cegas (editada póstumantemente) e O día que ou sol alumeou pola noite, foron presentadas en varias parroquias do municipio e noutros lugares de Galicia, entre eles, na Universidade de Santiago.

JESÚS MEJUTO VÁZQUEZ, mestre en Celas e Sésamo entre 1921 e 1931, home de avanzadas ideas pedagóxicas, amante da democracia, director do xornal El Noroeste e destacado político republicano.

O pintor e escritor británico TIM BEHRENS, cun amplísimo curriculum de exposicións en toda Europa, residente en Celas xunto coa súa muller, a tamén pintora DIANA AITCHISON.

A pintora ELENA GAGO, que traballou tamén en casa da súa familia, en Alvedro.

No mundo da política e o asociacionismo podemos destacar a ELECTO CARBALLO MATOS, alcalde durante parte da IIª República, e fundador da sociedade cultural "La Verdad", en Rutis. MANUEL CANDAMIO FERNÁNDEZ, concelleiro republicano, activo dinamizador de diversas sociedades agrarias, sindicais, de socorros mutuos, en Rutis. MANUEL FARIÑA CAMPELO, home tamén moi activo tanto como concelleiro en diversas épocas como promotor e directivo de varias asociacións. MANUEL LASTRES ABENTE, médico, primeiro alcalde republicano de Culleredo e militante do Partido Galeguista.