O Concello de Culleredo, a través do Servizo de Dinamización, Formación e Emprego, impartirá ao longo do mes de outubro unha serie de accións formativas enmarcadas dentro do Plan Laboral para o Emprego 2024 e dirixidas, preferentemente, aos veciños e veciñas do municipio que se atopen en situación de desemprego, teñan máis de 18 anos e estean rexistradas no Servizo Público de Emprego de Galicia.
Con esta formación preténdese capacitar ás persoas participantes para o desempeño cualificado das profesións e o acceso ao emprego, favorecer a formación das persoas traballadoras mellorando a súa capacitación profesional e desenvolvemento persoal, contribuír á mellora da produtividade e competitividade das empresas, proporcionar aos traballadores os coñecementos apropiados ás competencias profesionais requiridas no mercado de traballo e ás necesidades das empresas, así como mellorar a empregabilidade e a recualificación dos traballadores, especialmente dos que teñen dificultades para manter o seu emprego ou a inserción laboral.
As accións formativas que se impartirán son as seguintes:
• Manipulación de cargas con carreta elevadora. 10 prazas e un total de 20 horas en modalidade presencial con contidos teóricos e prácticos. Prevese que a data de inicio sexa o 21 de outubro, con horario de 9:30 a 13:30 horas, e estenderase ata o 25 do mesmo mes.
• Operario/a de limpeza industrial. 10 prazas e un total de 50 horas en modalidade presencial con contidos teóricos e prácticos. Dará comezo o 23 de outubro, con duración ata o 11 de novembro e horario de 9:30 a 13:30 horas.
• Manipulador/a de alimentos. 20 prazas dispoñibles en modalidade presencial e 4 horas de duración. Contidos como calidade alimentaria, alteración dos alimentos, hixiene persoal ou información de produtos alimenticios serán impartidos nesta formación, que se celebrará o 25 de outubro en horario de 9:30 a 13:30 horas.
As accións formativas impartiranse no Centro Municipal de Formación e Emprego Pablo Picasso do Concello de Culleredo, excepto a parte práctica do curso de Manipulación de cargas con carreta elevadora, que se impartirá nunhas instalacións acondicionadas para esta práctica.
Os tres cursos pertencen a unha mesma iniciativa e contan co mesmo prazo de preinscrición, que irá desde o 7 ao 10 de outubro. Os interesados en apuntarse poderán facelo unicamente nun dos tres cursos a través do formulario web que se poderá atopar na páxina do Concello proximamente. As prazas asignaranse por orde de preinscrición tendo en conta os requisitos de acceso anteriormente mencionados.
As listas provisionais e definitivas de admitidos/as poderanse consultar no taboleiro de anuncios do Centro Municipal Pablo Picasso. As listas provisionais serán publicadas o 14 de outubro, habendo de prazo ata o día 15 para presentar alegacións por escrito no centro ou ao correo electrónico
formacion@culleredo.es. Posteriormente, o día 17 de outubro publicarase a lista definitiva dos admitidos/as e confirmaranse as datas de inicio dos tres cursos.