O goberno de Culleredo iniciou o desenvolvemento da iniciativa ‘CulleredoVivo Vive’, que dá continuidade á anterior EDUSI (Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado), denominada CulleredoVivo. O Concello está a impulsar así a súa Axenda Urbana a través desta Estratexia Territorial Integrada (ETI) e o punto de partida é a confección dun Plan de Acción Integrado (PAI) que marcará a folla de ruta e posibilitará optar ao financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
Este plan, con participación cidadá, busca un desenvolvemento sostible nunha tripla dimensión ambiental, económica e social. Constará de actuacións concretas ata 2030 a curto, medio e longo prazo.
O Plan de Acción será a folla de ruta coa que o Concello implemente a Axenda Urbana no municipio. Recollerá os proxectos estratéxicos identificados nun proceso participativo aberto, que se emprende agora, buscando a implicación das asociacións e veciños.
O goberno municipal convida á cidadanía a participar no proceso co fin de lograr un consenso amplo e incorporar propostas que sexan de importancia para o interese xeral do municipio e que se enmarquen nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
Para participar, basta con acceder á enquisa habilitada. En primeiro termo, os veciños poderán marcar a prioridade dos 10 obxectivos definidos pola Axenda Urbana Española. Aínda que todos son importantes, é preciso valorar o seu grao de necesidade para logo seleccionar as actuacións.
Posteriormente, a cidadanía poderá formalizar as propostas que definirán o Plan de Acción. Tamén están previstas xornadas presenciais para un traballo conxunto e unha presentación da estratexia.
Este proceso permitirá avaliar de forma plural e transversal o avance e a execución do Plan de Acción nos próximos anos, incorporando un sistema de seguimento e avaliación con indicadores para cada liña.
O goberno local busca un modelo de desenvolvemento sostible para o municipio que se base na mellora e na rexeneración do territorio, conservando os recursos naturais e valorando tanto os elementos ambientais como patrimoniais. A nova estratexia aliñarase con normativas clave, como a mencionada Axenda Urbana Española ou o Pacto Verde Europeo, e será contrastada con expertos, asociacións e veciños para priorizar as accións que fortalezan a sustentabilidade.