Asociacións de veciños, entidades sociais e grupos políticos de Culleredo únense para esixir á Xunta un acceso prioritario ao centro de día
O Consello Sectorial do Benestar decidiu por unanimidade trasladar ao executivo autonómico as múltiples queixas dos usuarios do 065
A sociedade cullerdense clama por unha mellora no sistema de servizos sociais que leva o actual goberno da Xunta de Galicia. Á postura adoptada polo Concello, que xa remitiu diferentes escritos ao executivo autonómico para reclamar un cambio nas súas políticas sociais, uníronse agora asociacións veciñais, entidades sen ánimo de lucro e grupos políticos para esixilo de forma conxunta.
O Consello Sectorial do Benestar, órgano municipal no que se articula a participación da cidadanía nos asuntos sociais, decidiu por unanimidade na reunión celebrada onte solicitar ao Consorcio Galego de Igualdade e Benestar un acceso prioritario ás prazas do novo centro de día do Burgo para os residentes en Culleredo. O Consello está formado por Aspanaes, Dismacor, Afadisp, Agaxfra, Mestura, Feapa, a asociación de veciños O Noso Burgo, a asociación de veciños de Bregua e os catro grupos políticos con representación na corporación cullerdense.
O órgano considera xusto que se estableza esta medida dado que foron os impostos dos cidadáns do municipio os que costearon o 10% da construcción e foi o Concello o que cedeu a parcela para levantar a dependencia.
A presidenta do órgano, a primeira tenente de alcalde, Raquel Jabares, remitirá un escrito en nome das entidades que o compoñen para esixir ao goberno galego esta modificación nas condicións de entrada no centro de día. A edil nacionalista afirma que con esta decisión "constátase o apoio que ten o Concello de Culleredo por parte do tecido veciñal e asociativo do municipio para defender os intereses dos residentes".
Jabares entende que o acceso ao centro de día debe seguir un proceso similar ao levado a cabo nas galescolas do municipio. Ante a publicación o pasado xoves dos pregos para a adxudicación da xestión da dependencia, a edil xa contactou co Consorcio para esixir a paralización da tramitación ao considerar que vulnerou o convenio firmado entre as dúas partes en xuño de 2009 ao decidir unilateralmente as condicións para outorgar as prazas sen priorizar aos cullerdense e ao substituír o modelo de xestión público por un privatizado.
Pero ademais deste escrito, o Consello Sectorial decidiu tamén unanimemente trasladar á Xunta as queixas recibidas polos usuarios do servizo de transporte adaptado autonómico, o chamado 065. As asociacións presentes no órgano revelaron que en múltiples ocasións os servizos concertados previamente chegan máis tarde da hora marcada ou incluso terminan cancelándose.
"Non é admisible que un servizo primordial para moitas persoas teña as carencias que sabemos de boca dos usuarios", afirma a concelleira de Benestar Social.
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER