O Concello de Culleredo aposta por un aumento no número de axentes da Garda Civil no municipio. Así o exporá o equipo de goberno na próxima reunión da xunta local de seguridade. O alcalde, Julio Sacristán, anuncia a convocatoria de dita xunta para o mes de setembro, con motivo do inicio dun novo curso político, nesta ocasión ademais cunha nova corporación tras as eleccións de maio.
O Concello basea a súa petición na comparativa con outros municipios de características similares ao de Culleredo. Nos cuarteis de Oleiros ou Arteixo desempeñan o seu labor medio centenar de efectivos, fronte á trintena que traballan no cuartel cullerdense da Corveira.
O equipo de goberno eloxia o esforzo e o traballo levado a cabo polos axentes do Instituto Armado en Culleredo, pero ve necesario un incremento no persoal dado que na actualidade ven obrigados a desdobrarse para cubrir todo o territorio e as franxas horarias.
Na xunta local de seguridade abordaranse cuestións tanto de seguridade como de tráfico. En primeiro lugar acometerase unha avaliación das tarefas levadas a cabo e os resultados obtidos en ambos os ámbitos. Estas análises compararanse cos de anos precedentes.
No apartado do control da circulación, revisarase o resultado tras un ano no que a Policía Local asumiu as competencias dos atestados tamén nas estradas de carácter autonómico e provincial. Este estudo servirá de base para confeccionar unha programación de control do tráfico coordinada entre os axentes locais e os gardas civís.
A xunta local de seguridade está composta polo alcalde de Culleredo, que a preside, o subdelegado do Goberno, a Policía Local e a Garda Civil, tanto a súa división de tráfico como de seguridade.