O Concello de Culleredo quere potenciar o Centro de Información á Muller (CIM), sito no Burgo (costa da Lonxa), a través das novas tecnoloxías. A dirección
www.cimculleredo.org alberga o novo sitio web do centro, concibido para proporcionar apoio e recursos ás mulleres cullerdenses.
A concelleira de Igualdade, a nacionalista Rocío Sampedro, explica que a idea da páxina consiste en crear un espazo “útil, sinxelo de acceder e que permita a interacción do CIM coa cidadanía”. Así, a edil anima aos veciños e ás entidades radicadas no municipio a comunicarse co centro a través desta ferramenta, aportando todas suxestións e comentarios que consideren para mellorar o servizo ou resolver dúbidas.
A nova páxina web estrutúrase da seguinte forma:
- O CIM: información acerca do Centro de Información á Muller de Culleredo, explicando as áreas de actuación, o contacto ou o desenvolvemento que se está a levar a cabo do II Plan de Igualdade.
- Lexislación: recursos sobre a lexislación no tocante a ámbitos como a violencia de xénero ou a igualdade.
- Violencia de xénero: sección dedicada a esta problemática, relacionando o que se debe facer en caso de agresión, as axudas e programas existentes, a atención en Culleredo, etc.
- Protagonistas: espazo que pon en valor o papel relevante de mulleres en diferentes ámbitos e épocas.
- Empoderamento: papel activo da muller a través dos consellos sectoriais e das asociacións.
- Actividades: información acerca das actividades do Concello clasificada por parroquias.
A directora da Vivenda Tutelada para Mulleres, Isabel Vázquez sinala que o novo sitio será unha ferramenta tecnolóxica “moi valiosa” no traballo por conquerir a igualdade e a non discriminación das mulleres de Culleredo. Considera ademais que resulta útil e vital para que as mulleres poidan acceder dun xeito rápido e actualizado á información e os recursos para vítimas de violencia de xénero.
Pola súa banda, a directora do CIM, Fátima Uzal, explica que “non podemos olvidar que hoxe en día as novas tecnoloxías forman parte da nosa sociedade polo que este blog é un recurso necesario para difundir os recursos e actividades que se ofertan dende o CIM e tamén dende calquera outro organismo que traballe a prol da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres”.