Para rematar cos actos vinculados á campaña 2012, Culleredo por máis igualdade: “Muller: no traballo dignidade”, a Concellaría de Igualdade de Culleredo, que preside a nacionalista: Rocío Sampedro Díaz, organiza un debate co título “Mulleres e crise: dobre desigualdade”.
No acto participarán: Carme López Santamariña, Secretaria Nacional da CIG-Administración Pública; Mabel Perez Simal, Secretaria da Muller de CCOO de Galicia; Mari Carmen Brea Iglesias, Secretaria de Servizos Sociais e Políticas de Igualdade de UXT de Galicia e Angel Rey Arceo, Vicepresidente da Asociación de empresarios de Culleredo. Doda Vázquez, Vicepresidenta da Asociación de prensa de A Coruña, será a encargada de moderar o debate.
O obxectivo que pretende a Concellaría de igualdade é o de facer unha reflexión e análise da influencia que pode estar a provocar a situación de crise nas políticas de igualdade.
O acto terá lugar maña mércores, 14 de marzo, ás 20:00 horas no salón de actos do Conservatorio Profesional de Música de Culleredo en O Burgo, e contará coa interpretación de dous temas musicais por parte de alumnos e alumnas do devandito centro de ensino.
O Concello de Culleredo dedicou o Día Mundial da Muller deste ano á defensa dunhas condicións laborais dignas. Con esta perspectiva, o Centro de Información á Muller de Culleredo aproveitou o 8 de marzo para dar a coñecer a nova normativa que regula o emprego doméstico, sector de emprego onde os postos son ocupados nun 95% por mulleres, e que ata agora carecían da máis mínima garantía de dereitos laborais, constituíndo un dos ámbitos de emprego máis precarizados.
A charla informativa “Emprego doméstico: a nova regulación” impartida por Domingo Bayo Rodríguez, asesor xurídico do Concello de Culleredo, tivo lugar no Pazo Vila Melania o pasado día 8.