O Concello de Culleredo anuncia a apertura do prazo para a campaña de campamentos de verán. Trátase da XIII edición das actividades que ofrecerán unha alternativa de lecer para os nenos nos meses estivais, á vez que proporcionan en servizo de conciliación que cada ano demandan os pais e nais dos pequenos.
Para tentar adaptarse ás necesidades do maior conxunto poboacional, a Concellaría de Educación estrutura os campamentos en diferentes modalidades:
- Campamento de 5 semanas (do 26 de xuño ao 27 de xullo)
- Campamento de 5 semanas (do 30 de xullo ao 31 de agosto)
- Campamentos de 2 semanas:
- Do 2 ao 13 de xullo
- Do 16 ao 27 de xullo
Os lugares onde terán lugar os campamentos serán os seguintes:
- Para os participantes en etapa de Educación Infantil:
- CEIP Ría Do Burgo
- CEIP Isaac Díaz Pardo
- Para os participantes en etapa de Educación Primaria:
- CEIP Tarrío
- CEIP Sofía Casanova
O horario das actividades comprenderá desde as 9.00 até as 14.00 horas. O Concello disporá como servizo complementario a comida, en horario de 14.00 a 15.30 horas.
A concelleira de Educación, Carmen Varela, destaca a amplitude da oferta deseñada. "Queremos dar resposta ás necesidades das familias de Culleredo", apunta. Por iso, os campamentos inícianse aos días de finalizar as clases en xuño, resalta, prolongándose até o final do mes de agosto.
Os programas que se realizarán conterán actividades pedagóxicas de carácter convivencial e formativo - educativo, nun marco no que predominan os valores de igualdade, corresponsabilidade, respecto pola contorna, ou a cooperación e que favorezan o desenvolvemento persoal a través de talleres, saídas didácticas, xogos, etc.
As solicitudes de preinscrición presentaranse no servizo municipal de Educación (Edificio do Conservatorio municipal de música) desde o día 16 até o 20 de abril, en horario de 9:00 a 14:00 horas.
Os campamentos diríxense a todas aquelas familias empadroadas en Culleredo con menores matriculados en educación infantil e primaria, que necesiten conciliar a súa vida familiar e laboral. Terán preferencia para o acceso as familias empadroadas en Culleredo e aquelas que acrediten a necesidade de conciliación.