O Concello de Culleredo estrea este sábado, 16 de xuño, a súa I Xuntanza Veciñal. Consistirá nunha xornada que combinará a degustación gastronómica de sardiñas cun Festival Folk que xuntará grupos de primeiro nivel como Os Cempés.
A Xuntanza terá lugar desde as 18.00 horas no parque deportivo de Acea de Ama. A esa hora comezará a gran sardiñada, con 800 quilos de peixe que se recollerá o mesmo sábado á primeira hora da mañá na lonxa.
As asociacións de veciños do municipio terán un papel fundamental no evento. Serán as encargadas de facer as sardiñas e de repartilas, unha coordinación acordada co Concello.
Os prezos serán populares, destinados a reducir os gastos da xornada. Unha ración composta por catro sardiñas, pan, e viño ou auga custará 2 euros. As cañas e os refrescos tamén serán accesibles para todos os petos, a un euro de prezo.
Ás 19.30 horas iniciarase o Festival Folk. O cartel está composto por tres grupos: Os Cempés, Maghúa e Alén do Mar. Os primeiros, cabeza de cartel, son o mítico grupo paratradicional de Ferrolterra, a piques de cumprir vinte anos de xiras por Galicia, Portugal, España, Francia, Noruega ou Inglaterra. Presentarán o seu novo disco "Tentemozo", unha gravación na que participan máis de 50 artistas e é o quinto álbum da banda, onde recrean con novos timbres o seu propio son característico e único.
Polo demais, Maghúa é un grupo de cantareiros da comarca e Alén do Mar, un grupo Folk procedente de Bergondo. As portas do parque deportivo pecharanse ás 23.30 horas.
O Concello de Culleredo configurou un programa atraínte para os veciños de todas as idades. O goberno local espera unha boa afluencia de veciños desde as 18.00 horas para ir gozando das sardiñas que ás 19.30 horas verase incrementada polos mozos co festival folk.
O concelleiro de Dinamización Local, Isidro Taibo, destaca os "prezos anti-crise2 configurados para facer da xornada un gran festexo popular. O edil agradece o traballo e colaboración das asociacións de veciños, que permite a realización do evento.
Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Alicia Ferreiro, destaca a "calidade" dos grupos que participan no festival. Con el, espera dar resposta aos intereses dos máis novos do municipio.
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER