A Policía Local de Culleredo incrementa o persoal con cinco novos axentes que se incorporan agora despois de completar a súa formación na Academia Galega de Seguridade. Con estes novos efectivos, o Concello, segundo indicou hoxe a concelleira de Seguridade, Alicia Ferreiro, reforzará a vixilancia nas zonas urbanas do municipio cunha policía de proximidade para fortalecer tamén a relación cos veciños nestes núcleos.
Con esta incorporación, o persoal da Policía Local aumenta de forma importante os seus efectivos, pasando dos 24 actuais aos 29. Todo isto permitirá ao Concello incrementar os labores de prevención da seguridade cidadá ao contar cun maior número de axentes. Así, o Concello creará unha patrulla a pé que estará presente mañá e tarde nos núcleos urbanos do municipio. Desta forma efectuarase un traballo de presenza nas zonas urbanas fortalecendo a relación cos veciños.
A edila de Seguridade sinalou que o goberno local, a pesar das dificultades económicas actuais, apostou por reforzar o persoal da Policía Municipal para dotar ao corpo de máis medios humanos e aumentar os seus labores de seguridade cidadá para velar polas ordenanzas municipais.
Pola súa banda, o alcalde, Julio Sacristán, mostrouse convencido de que o aumento do persoal servirá para reforzar e dar máis posibilidades á Policía Local á hora de efectuar o seu traballo. Neste sentido, apuntou á coordinación coa Garda Civil como camiño fundamental para proporcionar o servizo de seguridade que necesitan os veciños de todas as parroquias do municipio. É precisamente esta colaboración a que permite que Culleredo sexa un dos municipios coa taxa de delincuencia máis baixa de toda a comarca.