A Concellaría de Consumo do Concello de Culleredo anima aos veciños a participar nos últimos días da campaña de recollida de material escolar. A iniciativa desenvólvese desde o pasado día 18 de xuño e remata o vindeiro 21 de setembro.
A campaña ten como obxectivo fundamental o de fomentar un consumo responsable e solidario entre o alumnado cullerdense, ademais de recompilar material para doalo a familias en risco de exclusión social que non dispoñen de recursos para a adquisición do material necesario para os seus fillos e fillas.
As persoas que desexen participar, poden achegar calquera tipo de material escolar: desde unha goma de borrar e un lapis, ata libretas ou cartucheiras e mochilas. Tamén se recollerán uniformes escolares, chándales e calzado deportivo. Deberán ser novos ou estar en bo estado.
Os centros de ensinanza pública, e as librarías do concello son os puntos de recollida. En cada un destes puntos hai un contedor para o seu depósito.
O Concello quere agradecer de antemán a solidariedade cidadá, ademais de dar as grazas aos colaboradores, estes exercen unha labor de motivación fundamental e recollen o material:
- CEIPS: RÍA DO BURGO, ISAAC DÍAZ PARDO, SOFÍA CASANOVA E TARRÍO
- CRA DE CULLEREDO
- IES BLACO AMOR E UNIVERSIDADE LABORAL
- ESCOLAS INFANTÍS PÚBLICAS
- E AS LIBRARÍAS DE CULLEREDO: BESA, C&C , CARLIM, COPYBURGO, HELENA, KE E RIBADOS