O Concello de Culleredo executa un plan de mellora das instalacións dos colexios do municipio de cara ao inminente comezo de curso escolar. O goberno local que preside Julio Sacristán inviste 50.000 euros, procedentes das arcas municipais, en efectuar reparacións nos colexios de Educación Infantil e Primaria e nas escolas unitarias.
Este plan de actuacións responde as necesidades de melloras detectadas en cada un dos centros. Con el, o Concello pretende que os alumnos dispoñan de dependencias en óptimo estado para o desenvolvemento da actividade docente.
No CEIP Sofía Casanova, en Vilaboa, o Concello pinta un total de 12 aulas para a instalación e correcto funcionamento de lousas dixitais. Ademais, execútanse diversos arranxos de menor índole.
No CEIP Isaac Díaz Pardo, radicado no Burgo, o Concello procede á mellora do patio, o pintado de varias aulas e a reparación de azulexos que se atopaban en mal estado de conservación.
No CEIP Ría do Burgo, na Corveira, execútanse diversas reparacións, entre as que se atopa a colocación de canalóns. Estas melloras no centro únense á creación de dúas aulas que realizou a Consellería na antiga casa do director da Universidade Laboral.
No CEIP Tarrío, o Concello amplía unha aula, mellora o parque infantil e arranxa o patio exterior.
Finalmente, nas escolas unitarias, o Concello de Culleredo emprende diversas actuacións, como a colocación de estores ou o pintado de aulas.
O alcalde considera a educación como unha das "prioridades" que deben ter as administracións públicas. O Concello realiza este importante esforzo para que a acción educativa leve a cabo nas mellores condicións.