A elevada demanda de prazas nas escolas infantís repítese en Culleredo, quedando en evidencia a xestión da Xunta de Galicia na materia. O Consorcio de Servizos da Igualdade e Benestar publica que son 142 as familias que quedan nas listaxes de agarda nas tres instalacións, radicadas no Burgo, Vilaboa e Fonteculler.
En concreto, para a franxa de 0 a 1 anos, o número de excluidos é de 28, dos que 23 son de Culleredo e 5 de concellos limítrofes. Na franxa de 1 a 2 anos, a cifra ascende a 77, dos que 68 son cullerdenses e 3 son fillos de xente que traballa no municipio, e na marxe de 2 a 3 anos, o número de non admitidos é de 37, dos que 24 residen no municipio, e 1 é descendente de traballadores no termo.
“Queda máis que demostrado que as escolas infantís do municipio de Culleredo non dan para máis”, afirma a primeira tenente de alcalde, a nacionalista Raquel Jabares. A concelleira, responsable da área de Benestar, considera “imperdoable” que esta situación se reproduza “ano tras ano” sen que a Xunta tome medida algunha para evitalo.
Por iso, Jabares esixe ao goberno galego que mellore “notablemente e con urxencia” a planificación na apertura de escolas infantís en Galicia. “Os criterios da oferta e da demanda deben primar á hora de decidir a creación de novas infraestructuras”, sostén a nacionalista, que lamenta que ás veces sexan criterios “discrecionais” os que marquen estas políticas sociais na Xunta.
A primeira tenente de alcalde ten moi claro que a demanda de prazas que se rexistra en Culleredo debería empurrar a programar unha actuación para crear un carto centro, pero a conselleira de Traballo e Benestar “parece non querer enterarse”.
Jabares asegura que presentará a súa dimisión si se constrúe unha nova escola infantil en Culleredo e logo quedan prazas sen cubrir, dado que se demostraría que está realizando unha petición infundada. Pero do mesmo xeito, invita á conselleira a deixar o seu cargo se inaugura escolas noutros municipios sen lograr unha ocupación completa.
“Nestes tempos de crise debemos promover os investimentos sostibles, baseados en necesidades reais”, sostén a concelleira cullerdense.
O Concello de Culleredo aposta polo sistema de escolas infantís públicas para proporcionar un mecanismo inmellorable de conciliación da vida familiar e laboral.
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER