O pleno do Concello de Culleredo modificou na sesión celebrada o pasado mes a ordenanza de terrazas para os establecementos hostaleiros do municipio. O obxectivo do cambio céntrase na ampliación do horario, petición expresa do sector hostaleiro para ver favorecida a súa actividade.
Así, o Concello adianta media hora o horario de montaxe das terrazas e aumenta unha hora a súa recollida. Entón, o horario de funcionamento das terrazas será no inverno ata as 00.30 horas, aínda que os venres, sábados e vésperas de festivo poderá incrementarse nunha hora máis. Tamén nos meses de verán (de xullo a setembro) poderá aumentarse unha hora. Estes horarios están condicionados a que o horario de apertura do local o permita.
Nos casos das festas locais e parroquiais, as terrazas poderanse manter abertas ata o horario establecido de peche do local. En canto á montaxe e funcionamento das terrazas, non se poderá iniciar por tanto antes das 8.00 horas.
Non obstante, tal e como consta na ordenanza, o Concello poderá reducir o horario de funcionamento atendendo ás circunstancias de índole ambiental ou urbanístico, ou cando se comprobe que os ruídos orixinan molestias aos veciños próximos. Esta limitación reflectirase na autorización. Así mesmo, os negocios están obrigados a instalar mobiliario dotado de elementos illantes para evitar ruídos por arrastre.
O alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, apunta que a medida pretende un "apoio máximo" do Concello á actividade dos hostaleiros no municipio. O rexedor aposta por conxugar o benestar e descanso dos veciños co traballo dos hostaleiros, algo que asegura esta ordenanza.
Ordenanza
A ordenanza ten como obxectivo a regulación da instalación e funcionamento das terrazas, con excepción dos actos de ocupación que se realizan con ocasión de festas patronais, eventos deportivos ou actividades análogas.
Os toldos das terrazas deberán ser de material téxtil, lisos e de cores acordes coa contorna urbana, e sempre terán a posibilidade de ser recollidos de forma fácil. O peche vertical das terrazas está supeditado a que se efectúe con toldos de materias traslúcidos, pola contra estará prohibido.
Para que o establecemento poida permitir que se fume nas terrazas, estas deberán cumprir unhas condicións determinadas se están cubertas. O espazo cuberto terá que estar rodeado lateralmente por un máximo de dous parámetros.
Outras cuestións que deberán cumprir as terrazas son relativas á accesibilidade. A instalación en beirarrúas deberá deixar libre polo menos 1,5 metros para o paso de peóns. No suposto de rúas peonís, a ocupación realizarase desde a liña de mediana do viario ata a liña de fachada do establecemento, deixando un mínimo de 2 metros para peóns.
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER