Os nenos revolucionaron a casa consistorial de Culleredo. O Concello abriu as súas portas aos escolares, na actividade denominada “A Constitución e a administración local”, organizada pola Concellería de Educación, para achegar a administración de forma didáctica aos rapaces.
O pasado venres tivo lugar a primeira das tres xornadas que abarcará a actividade. En total, o número de participantes será de 266 alumnas e alumnos de 4º de E.P., que acoden acompañados dos seus titores, cos colexios CPR Plurilingüe Andaina, CEIP Sofía Casanova, CEIP Plurilingüe Tarrío, CEIP Ría do Burgo e CEIP Díaz Pardo.
Nesta primeira xornada tocoulle aos dous primeiros, que foron recibidos no salón de plenos pola concelleira de Educación, Carmen Varela. A actividade comezou cunha sesión didáctica xeral sobre o Concello de Culleredo. Logo chegou o momento máis dinámico. Divididos en pequenos grupos, os escolares debían averiguar como se organiza o Concello, as súas áreas, persoal, funcións de cada departamento, ou os órganos de goberno.
Para iso recorreron a casa consistorial realizando unha serie de preguntas a políticos e funcionarios. Ademais, aprenderon como e para que se pode presentar unha instancia.
Para rematar a xornada tiveron a oportunidade de facerlle unha entrevista a Varela. As preguntas xa as foron traballando na aula. “Construír unha casa é delito?” Así iniciaba a súa intervención un dos pequenos do Sofía Casanova, que escoitou atentamente a explicación da concelleira sobre as normas urbanísticas dos municipios.
Pero os rapaces estaban sobre todo interesados no traballo dos concelleiros: “Estudan moito ou pouco?”, interrogou outro. “Sempre hai que seguir estudando e lendo para facer mellor o traballo”, explicou Varela. “Gústache o teu traballo?” ou “É difícil o teu traballo?” foron outras das cuestións dos nenos.
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER