Os excelentes resultados económicos conseguidos polo Concello de Culleredo no ano 2012 permiten ao goberno local a amortización completa do crédito ICO subscrito o ano pasado para o pago a provedores, a raíz do plan aprobado polo Goberno do Estado. A pesar de que o Concello dispón de 12 anos para amortizar os 2,1 millóns de euros do crédito ICO, o superávit de 3,037 millóns de euros logrado en 2012 propicia a situación económica máis que suficiente para cancelalo, se se desexa, de inmediato.
O Concello optou por levar a pleno a aprobación dun suplemento de crédito para amortizar xa a metade do devandito crédito, en concreto 1.068.861,96 euros. Esta medida foi aprobada sen ningún voto en contra na sesión celebrada o luns 1.
A contía restante queda pendente de que o Senado resolva a emenda sobre a modificación do artigo 32 da Lei de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira, que determinará se as administracións locais poden destinar superávit orzamentario á realización de investimentos.
O suplemento de crédito é procedemento que permite incorporar novas partidas de ingresos e de gastos ao orzamento municipal utilizando o remanente (que na liquidación do orzamento de 2012 alcanza os 2,9 millóns de euros), ascende a 1,5 millóns de euros. Deses, 1.068.861,96 euros diríxense á mencionada amortización do crédito ICO e a contía restante á partida de gastos xerais.
Este crédito ICO foi o subscrito polo Concello a raíz do plan de axuste aprobado en pleno o ano pasado. Dado que a xestión económica de 2012 permite que xa o primeiro ano da súa aplicación póidase amortizar o crédito subscrito, as medidas de aforro demóstranse amplamente cumpridas.
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER