A iluminación de Nadal do Concello de Culleredo acenderase o venres, 6 de decembro. O goberno municipal xa instalou os diferentes elementos de iluminación, co obxecto de crear un ambiente festivo que dinamice o municipio desde o punto de vista comercial, hostaleiro e turístico.
Ao redor de 80 elementos lumínicos darán cor ás rúas de todo o municipio, tanto na contorna urbana como no rural. A concelleira de Promoción Económica, Marta Iglesias, explica que a maior presenza terá lugar naquelas zonas que albergan maior actividade comercial.
Así, as rúas peonís do Burgo, onde se concentran boa parte dos comercios de Culleredo, disporán de elementos específicos. O mesmo ocorrerá na praza de Europa, onde ademais concluirá a cabalgata de Reis.
Os principais accesos ao municipio saudarán así mesmo aos visitantes con arcos lumínicos co rótulo de "Boas Festas". Estarán emprazados en Vilaboa, Fonteculler, O Portádego e O Burgo.
As rotondas desde O Burgo ata Fonteculler tamén contarán con elementos especiais, do mesmo xeito que as fachadas de edificios municipais, como a Casa do Concello. Polo demais, colgaranse 63 arcos de iluminación ao longo de todo o municipio, incluíndo as parroquias de corte máis rural.
Os arcos serán de tecnoloxía LED, seguindo a liña de aforro enerxético que propugna o Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDEA) e que asume o Concello de Culleredo.
A instalación desta iluminación está financiada pola Deputación da Coruña. A iluminación do Nadal funcionará ata o próximo 6 de xaneiro en horario de 18.30 a 22.00 horas.
A concelleira destaca o esforzo do Concello por manter a iluminación ao considerar que responde á necesidade de "potenciar" o comercio local. Complementarase coas diferentes accións que leve a cabo o Concello, en acordo cos comerciantes, para que a campaña do Nadal sirva como "revulsivo" para os negocios máis próximos.
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER