O goberno de Culleredo abre as rúas Hersa e Sanjurjo de Carricarte á entrada de vehículos para impulsar a actividade comercial da zona. Ambas as rúas converteranse en semipeonís en horario de 9.00 a 21.00 horas para habilitar unhas novas prazas de aparcadoiro exprés que permitan aos cidadáns a realización de compras nos negocios locais.
Trátase dunha medida acordada entre o Concello e a Asociación de Comercio de Culleredo. O primeiro tenente de alcalde, José Ramón Rioboo, e a concelleira de Promoción Económica, Marta Iglesias xa abordaran esta posibilidade cos comerciantes na pasada reunión da Mesa de Comercio.
A súa aplicación quedaba pendente de acometer primeiro as obras de reforma e humanización das rúas. Agora, unha vez concluídos os traballos, o Concello executou de inmediato o acordo para xa ofrecer este servizo aos comerciantes nestas festas do Nadal e así reforzar a súa actividade.
A medida consiste na creación de zonas de aparcadoiro exprés en Hersa e Sanjurjo de Carricarte. Como no resto de espazos deste tipo do municipio, o estacionamento terá un tempo máximo limitado. O mesmo ocorrerá coa zona para carga e descarga, cunha duración máxima de 30 minutos, posibilidade introducida na ordenanza aprobada no pleno do mes pasado.
Desta forma, o acceso ás rúas semipeoniis no mencionado horario de 9.00 a 21.00 horas queda limitado a usuarios do comercio da zona, ademais de residentes e usuarios de garaxes, quen tamén poderán entrar no resto de horas.
O primeiro tenente de alcalde anuncia un "control exhaustivo" da Policía Local para evitar a entrada de vehículos pesados. Lembra que existe unha prohibición a vehículos de máis de 3,5 toneladas de peso. Desta forma, para os traballos de carga e descarga será necesario empregar un vehículo que non exceda esta tonelaxe se quere usar a zona especial do interior das rúas, ou ben empregar a zona existente na avenida de Ribados.
Rioboo sinala que a vixilancia reforzada levará a cabo para garantir que se respecten as novas condicións de Hersa e Sanjurjo de Carricarte. A Policía Local asegurará que o emprego do aparcadoiro exprés sexa o correcto así como que non se utilicen estas rúas como zona de paso.
O Concello de Culleredo acaba de completar o plan de humanización da zona. Novas xardineiras, provistas de bancos, e os aparcabicis únense aos traballos de reparación do firme xa acometidos. Agora, Hersa e Sanjurjo de Carricarte contan cun novo aspecto e con maiores prestacións para veciños, comerciantes e cidadáns en xeral.
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER