O salón de plenos de Culleredo viviu o venres a súa reunión máis ilusionante e multitudinaria. O Concello organizou a XV edición do pleno infantil coa participación de 210 alumnos de 6º de Primaria dos CEIP de Tarrío, Ría do Burgo, Sofía Casanova e CPR Ponte Pasaxe.
A alcaldesa infantil, Rebeca Eijo, de Tarrío, dirixiu a sesión, coa axuda do alcalde, Julio Sacristán, e a concelleira de Educación, Carmen Varela. Cada colexio foi elevando as súas propostas á corporación, que as debateu e votou para trasladalas ao Concello.
A maioría das propostas debatidas foron aprobadas polo pleno infantil. A única que saíu por unanimidade foi a do CPR Ponte Pasaxe, que demandou a ampliación do percorrido do bus para o IES Blanco Amor.
Sacristán explicou aos pequenos que o transporte escolar corresponde á Xunta de Galicia. No entanto, comprometeuse a escoitar a súa petición para transmitila á administración autonómica.
A segunda proposta con máis apoios foi a do CEIP Sofía Casanova, que pediu o acondicionamento do patio e do polideportivo. E a terceira moción foi a do CEIP Tarrío, que apostaba por efectuar arranxos na rede viaria e no mobiliario urbano do municipio.
O alcalde coincidiu na necesidade de reparar o pavillón de Vilaboa. Ademais aproveitou para facer un chamamento ao comportamento cívico de todos para coidar mellor o patrimonio público. En todo caso, o rexedor viu posible atender a maioría das propostas dos escolares.
Sacristán felicitou aos alumnos por participar no pleno infantil e conmemorar así o Día da Constitución. Deulles o parabén pola súa actitude participativa e por respectar escrupulosamente as quendas de palabra e intervencións dos seus compañeiros.
A sesión concluíu coa entrega de diplomas aos novos concelleiros, que gozaron co seu papel e reclamaron mesmo fotos co primeiro edil e a concelleira de Educación.
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER