A atención a persoas con dependencia por parte da Xunta de Galicia volve deixar de lado a moitos veciños de Culleredo. Se a situación en 2014 xa foi moi complicada, para 2015 parece que a Xunta decidiu empeorala
Polos datos que pode consultar o Concello no sistema informático da Xunta, hai agora un total de 22 veciños en lista de espera para a atención que marca a lei de dependencia, todos eles cun grao de dependencia absoluto. Pero no sistema non aparece toda a información, polo que o Concello descoñece o número total de dependentes neste grao III pero tamén en casos moderados de grao II que non contan coa debida asistencia da Xunta.
Todos eses casos son asumidos polo Concello de Culleredo mediante o sistema de libre concorrencia. E así seguirá sendo, apunta o alcalde, Julio Sacristán, que garante a consignación dos fondos municipais para que os veciños dependentes reciban o servizo de axuda no fogar "en moitos casos imprescindibles para o desenvolvemento da súa vida cotiá".
O financiamento deste sistema de libre concorrencia volverá en 2015 a sufrir un revés por parte da Xunta. En 2014, a administración autonómica achegaba 35.924,92 euros, contía que non chegaba a cubrir nin o 10% do total, 380.824,56 euros. Pois para 2015 a Xunta comunicou unha redución dun 50%, é dicir, que a axuda baixará aos 17.962,46 euros.
Esta nova achega non servirá nin para cubrir o 5% das horas necesarias. A media de atención é de 2.277 horas ao mes. Desas, a axuda da Xunta chega para 106 horas. O restante 95% procede do propio Concello.
Mediante este sistema, o Concello atende a 216 usuarios, incluíndo os que están en lista de espera do servizo de dependencia da Xunta.
A existencia desta lista de espera procede as poucas horas que concede a Xunta aos dependentes de Culleredo. Son 1.068 horas ao mes as outorgadas. É unha cifra inferior a moitos municipios da contorna. Por exemplo, as horas concedidas a Arteixo (máis de 3.300), triplican ás que recibe Culleredo.
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER