O servizo de Protección Civil do Concello de Culleredo sitúase á cabeza de Galicia en canto a súa dotación de parque móbil. Os efectivos presentaron un novo camión de emerxencias que facilitará un servizo rápido de primeira intervención para os veciños do municipio.
O alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, o primeiro tenente de alcalde, José Ramón Rioboo, e o edil de Protección Civil, Alberto Veira, acudiron á presentación do vehículo. Os responsables do servizo de seguridade explicáronlles as diferentes posibilidades que lles ofrece o camión de emerxencias.
O vehículo contén recursos para afrontar todas as incidencias que habitualmente ocorren no municipio. Para a extinción de incendios, o sistema hidráulico está dotado dunha moderna bomba de extinción, de tipo centrífugo. Conta con tres saídas para poder descargar en columna de auga a presión. Encima da bomba irá colocada unha mangueira semirríxida de 40 metros para o primeiro socorro.
Como sistema adicional de extinción, o vehículo dispón dun equipo de alta presión, con mangueira de alta presión de 50 metros e boquilla pulverizadora. Este sistema será moi útil tamén para a limpeza de vías impregnadas con calquera sustancia.
Para a asistencia en accidentes de tráfico, o camión conta cunha ferramenta eléctrica para acceder a un coche accidentado e rescatar aos ocupantes.
Outro dos aspectos que coida esta nova unidade é a iluminación das zonas de traballo. Conta para iso, ademais dos proxectores do propio vehículo, cun mastro telescópico de iluminación, que alcanza unha altura máxima de 5.15 metros, dotado de 4 proxectores de 500 W cada un.
Nos cinco armarios que ten na carrozaría aloxa materiais e equipos auxiliares como mangueiras, lanzas, extintores, filtros e chaves diversas, escaleira de 4.8 metros, etc.
Sacristán afirmou que o vehículo permitirá unha mellor resposta ante incidencias no municipio sen depender da chegada dos bombeiros do parque comarcal. "Teremos unha atención máis rápida e eficaz para os nosos veciños", indicou.
Rioboo apuntou que se apostou por adquirir un "equipamento punteiro e moderno", dos primeiros na comunidade galega. Defendeu a aposta en seguridade desde o Concello, como unha das "áreas prioritarias".
O alcalde e o primeiro tenente de alcalde agradeceron aos efectivos e aos voluntarios, tamén presentes no acto, o seu "labor desmedido" que realizan pola seguridade dos cidadáns de Culleredo e sinalron que agora disporán dun vehículo que fará "aínda máis efectivo" o seu traballo.
A adquisición efectúase mediante renting. O Concello destina 170.000 euros a este servizo por un total máximo de 8 anos.
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER