O Concello de Culleredo levará ao pleno ordinario do próximo xoves unha nova medida social que permite aliviar a economía das familias cullerdenses con maior necesidade. En concreto a iniciativa busca nesta ocasión reducir os pagos dun servizo básico como a auga.
O alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, aposta na súa proposta ao pleno por introducir unha bonificación do 100% para as unidades familiares con todos os seus membros en situación de desemprego e que non perciban ningún tipo de prestación ou subsidio. A bonificación aplicarase sobre un consumo de 150 litros ao día para cada persoa que resida na súa vivenda.
Os veciños beneficiarios da RISGA, de pensións non contributivas ou de axudas familiares tamén terán un novo desconto. Será dun 50%, tamén sobre un consumo de 150 litros ao día por persoa.
Estas persoas en risco de exclusión tamén poden recibir as axudas de emerxencia social que cada ano contan con dotación económica nos orzamentos municipais, en función dos informes dos servizos sociais. Nestes casos é o Concello o que pode abonar os recibos da auga así como doutras subministracións, do aluguer, ou axudas para a alimentación.
Estas bonificacións únense ás creadas polo Concello para o colectivo das familias numerosas. Estas contan cun 50% de desconto sobre os consumos entre 30 e 50 metros cúbicos, na categoría xeral, e entre 30 e 60 metros cúbicos, na categoría especial.
Sacristán defende que a administración debe ser sensible ás necesidades inaprazables que por desgraza ten hoxe moita xente e por iso considera que é "xusto e honesto" crear estas bonificacións de gratuidade na auga para os casos máis graves. O primeiro edil apunta que é a boa xestión da auga en Culleredo, cun lixeiro superávit, a que permite agora estas bonificacións.
O alcalde recalca que as medidas sociais "foron e serán" unha "marca de identidade" do goberno de Culleredo que preside. "Poderemos ter que demorar ás veces algunha obra, pero o investimento en servizos sociais estará sempre na cima das nosas prioridades", afirma.
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER