Culleredo terá en 2016 uns orzamentos cun crecemento dun 4,6%

O Concello de Culleredo apunta a un significativo crecemento económico en 2016. O goberno local aprobou no pleno, cos votos favorables da Marea Veciñal e a abstención de Ciudadanos, a súa proposta de orzamentos á alza, en concreto un 4,6% maiores que en 2015, alcanzando a cifra de 20.377.295,23 euros.

Os capítulos de ingresos e gastos mantéñense equilibrados. Desta forma, un ano máis, o Concello de Culleredo non terá que recorrer a crédito para financiarse, bastándolle cos recursos propios e coas trasferencias doutras administracións.

A subida pódese atribuír, no apartado de ingresos, ao previsible crecemento na recadación de impostos directos (4,3%), de taxas e outros ingresos (1,2%) e das transferencias de capital (84%). O aumento do Fondo de Cooperación Local, a mellora da economía en xeral, e o incremento do financiamento desde a Deputación da Coruña permiten esta situación favorable.

De calquera forma, o Concello seguiu  o principio da prudencia para este cálculo de ingresos. Algunhas das partidas mesmo se calcularon nunha contía inferior á realmente recadada en 2014.

En canto aos gastos, o capítulo que presenta un maior crecemento é o de investimentos reais, un 24,8% maior que en 2015. A maior achega da Deputación, con novos plans, e a boa saúde das arcas municipais permiten programar un amplo plan de actuacións e obras.

O alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, reivindica o "carácter totalmente social" dos investimentos propostos, que redundarán directamente na mellora de servizos básicos á cidadanía e o incremento da calidade de vida. Neste sentido, cabe resaltar as partidas previstas para infraestruturas nos colexios, a continuación do plan de mellora dos parques infantís, a adquisición de terreos para novos espazos públicos, o plan viario ou a renovación da iluminación pública.

Tamén no capítulo de gastos destaca a extraordinaria baixada dos gastos financeiros (un 43,8%) e dos pasivos financeiros (un 40,8%). Isto débese ás amortizacións de grandes contías levadas a cabo polo Concello nos últimos anos, na política de empregar o remanente en parte para baixar o nivel dos créditos e en parte para investimentos de carácter social. Esta contía de gastos financeiros non se producía desde 1989, o que fai ver o gran esforzo de amortización asumido.

O Concello aumentará o seu persoal en 2016, favorecendo a mellora da eficacia e calidade de servizos básicos. Convocaranse tres prazas de policía local, un técnico de obras e servizos, prazas na asesoría xurídica urbanística e persoal administrativo.

Por iso o capítulo de gastos de persoal aumenta un 5,8%, incluíndo xa a subida de soldos dun 1% marcada polo Estado e facendo fronte á parte da paga extra que se debe a funcionarios e laborais. Tamén se incrementa a partida de acción social e o fondo de pensións.

O capítulo de gastos en bens correntes e de servizos sobe tamén un 5,2% por asuntos como a posta en marcha do novo centro social de Fonteculler, reparacións noutros centros sociais ou o incremento do mantemento da rede viaria. E neste apartado atópase tamén o gasto social, que volve copar o orzamento incluíndo o incremento nas axudas a persoas e familias en risco de exclusión.

Sacristán apunta que o orzamento pretende dar resposta ás peticións máis importantes trasladadas polas diversas asociacións de veciños, deportivas, sociais e culturais, sendo conscientes de que nun só orzamento é complicado atender a todas as demandas. O alcalde entende que se confeccionou un documento ambicioso con melloras en áreas fundamentais como a seguridade ou as infraestruturas e co investimento social por bandeira.

Sede electrónica

Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...

 

Canal Culleredo

Emisiones en directo y material audiovisual.

 

Teléfonos de interés

  • Ayuntamiento981.677.777
  • A Escada981.664.452
  • C.F.Pablo Picasso981.664.204
  • Centro de información a las mujeres (CIM)981.654.570
  • Centro municipal asociativo981.652.122
  • Conservatorio de Música981.667.798
  • Edificio usos múltiples981.665.597
  • Policia Local981.677.755
  • Protección Civil981.651.879
  • Servizos sociales de O Burgo981.654.570
  • Servizos sociales de Vilaboa981.660.079
  • Villa Melania981.650.077

Sí­guenos en Twitter

El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER

Patrocina