O Concello de Culleredo aposta pola ampliación das liñas de financiamento dos equipamentos para Protección Civil para contemplar tamén a dotación de bicicletas. Así trasladoullo o primeiro tenente de alcalde e responsable de Seguridade Cidadá, José Ramón Rioboo, ao xefe territorial de Emerxencias, Víctor Vázquez, na súa visita á sede cullerdense.
Rioboo expuxo que en Culleredo existe un longo paseo marítimo, coa súa ampla zona verde e carril bici, co que sería idóneo unha atención en bicicleta polo interior do paseo. De especial utilidade serían para os voluntarios en determinados dispositivos deportivos que se celebran no espazo.
O primeiro tenente de alcalde expresou que esta mesma posibilidade podería ser ben acollida noutros municipios de Galicia con paseos marítimos ou zonas destas características, co que coincidiu o xefe territorial.
O responsable autonómico desprazouse a Culleredo no seu programa de visitas ás agrupacións de voluntarios. O Concello aproveitou a visita para presentar tamén o servizo de Emerxencias.
Alí coñeceu as instalacións, o parque de vehículos e a forma de traballo. Tamén recolleu as peticións e necesidades da agrupación. Rioboo agradeceu o interese e trato próximo de Vázquez cos efectivos.