O Concello de Culleredo estrea novas actividades para os seus veciños novos. O goberno local lanza un taller de introdución á robótica e impresión 3D e outro de arranxo de bicicletas, tratando de ofrecer dúas modalidades innovadoras en canto a programación xuvenil.
O curso de iniciación á robótica e impresión 3D terá lugar os sábados do 28 de maio ao 18 de xuño en horario de 11.00 a 14.00 horas. Será no centro municipal de formación Pablo Picasso, na sala de computadores.
Nesta iniciativa os mozos traballarán con kits de robótica, coñecendo os seus compoñentes, montándoos, e programan do o robot para realizar as accións desexadas. Na parte de impresión 3D, aprenderán a modelar, optimizar as figuras e imprimilas.
O taller de arranxo e mantemento de bicicletas celebrarase os venres 27 de maio e 3 de xuño no centro social de Fonteculler, en horario de 17.00 a 19.00 horas. O Concello oferta 15 prazas.
Os participantes aprenderán a reparar as avarías máis frecuentes, como o axusto de freos, cambio de zapatas, arranxo da cadea, a limpeza da bicicleta ou o axuste ás necesidades do usuario.
En ambos os casos están dirixidas a mozos de 14 a 17 anos de idade, con preferencia para os empadroados. É posible inscribirse até este venres 13 no Pablo Picasso ou en Vila Melania. Ambas as accións son gratuítas.
O concelleiro de Xuventude, Miguel Suárez, explica que se procuraron alternativas pouco habituais que esperten o interese entre os mozos. "Ademais de pasarllo ben, serviralles para introducirse en materias que quizais lles interesen para o seu futuro profesional", apunta.