Os fondos europeos Leader non se cinguen ao ámbito empresarial e á administración, tamén poden beneficiar a entidades sen ánimo de lucro. Con esta premisa, o Concello de Culleredo e o GDR Mariñas - Betanzos reuniron a representantes de asociacións sociais para darlles a coñecer as posibilidades que teñen para optar a esta convocatoria.
O primeiro tenente de alcalde, José Ramón Rioboo, acompañado do xerente do GDR, Jorge Blanco, e da edila de Benestar Social, Lupe Pombo, presidiu o encontro, celebrado no Burgo. Acudiron representantes de asociacións de diversas áreas de intervención.
O Concello ofrecerá asesoramento ás entidades sociais do municipio para que poidan presentar o seu proxecto. "As asociacións son clave para o noso tecido social complementando os servizos públicos e por iso contarán coa nosa axuda", avanzou Rioboo. O apoio poderá ser, apunta o primeiro tenente de alcalde, unha orientación técnica ou mesmo unha implicación loxística ou económica no propio proxecto por parte do Concello.
"Queremos favorecer o emprendimiento social, que é ademais outra vía de xeración de emprego", sinalou. Rioboo animou ás entidades a estudar a súa concorrencia, tendo en conta que será unha oportunidade única para aproveitar os fondos de Europa.
Neste caso, a liña de axudas máis adecuada será a que prima a creación, mellora ou ampliación de todo tipo de servizos para a poboación rural. A convocatoria será xestionada polo GDR, que conta ademais cun equipo técnico a disposición da poboación para tratar de encaixar os proxectos de forma óptima.