O municipios de Galicia que contan cunha instalación de asistencia ás vítimas de violencia de xénero, entre os que se atopa o Concello de Culleredo, referendaron hoxe un acordo coa Xunta de Galicia para establecer unha coordinación que mellore o servizo de atención á cidadanía. O convenio foi asinado en Santiago pola secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, coas concelleiras responsables da área de Culleredo (Lupe Pombo), Ferrol, Lugo, Vigo e Ourense.
Estes Concellos forman parte da Rede Galega de Acollemento para as mulleres que sofren violencia de xénero. Para fomentar a organización, o Centro de Recuperación Integral da Xunta actuará como centro coordinador e créase un procedemento para o primeiro acceso ás mulleres vítimas de violencia de xénero.
Neste sentido, co acordo alcanzado, poderanse derivar as usuarias da rede entre os distintos centros segundo as súas necesidades e asegúrase unha homoxeneización da documentación necesaria para o acceso.
Poderán acceder á rede todas as mulleres que sufran violencia de xénero así como os seus fillos e fillas menores e persoas delas dependentes, que precisen dun aloxamento de seguridade por esta situación. O Concello de Culleredo conta cunha vivenda tutelada. En Ferrol, Lugo e Ourense hai casas de acollida, do mesmo xeito que na Coruña, e en Vigo un centro de emerxencia.
A concelleira de Benestar Social e Igualdade de Culleredo, Lupe Pombo, considera que esta coordinación acordada supón "un paso máis" para ofrecer un servizo de mellores prestacións a unhas usuarias que "necesitan a intervención e apoio urxente" da administración.
Haberá dous tipos de acceso á Rede Galega de Acollemento: o ordinario e o urxente. Neste último caso, ao detectar un caso no que a seguridade da muller se vexa gravemente ameazada realizaranse cantas xestións oportunas sexan precisas para aloxala, xunto cos seus acompañantes, nun prazo máximo de 8 horas.
O Concello participa nesta rede para lograr un maior aproveitamento dos recursos públicos dispoñibles en Galicia para esta casuística e proporcionar unha actuación eficaz.