A mañá do domingo, 5 de xuño, reunirá centos de persoas na contorna do paseo marítimo con motivo da celebración da V Carreira pola Ría do Burgo. O Concello de Culleredo, organizador do evento coa colaboración da Federación Galega de Atletismo e a Deputación da Coruña, logrou a inscrición de 792 corredores das distintas categorías.
Por este motivo montarase un operativo especial de seguridade na mañá do domingo. O primeiro tenente de alcalde, José Ramón Rioboo, e o concelleiro de Deportes, Miguel Suárez, mantiveron unha reunión de organización do dispositivo de seguridade cos mandos de Policía Local e Protección Civil, así como co técnico municipal de Deportes.
O operativo estará formado por Policía Local, Protección Civil e voluntarios procedentes doutras agrupacións e da propia Federación.
A totalidade da proba discorre polas zonas peonís do paseo. A organización sinalizará debidamente o percorrido para evitar interferencias cos viandantes. Os ciclistas deben cinguirse ao carril bici, que non se utilizará na proba.
A carreira estará acompañada por axentes en moto para atender no que fose necesario os participantes.
En canto ao tráfico, non se esperan grandes problemas ao discorrer a proba por zonas peonís. Se se acode en coche, poderase estacionar no aparcadoiro exterior de Gadis, ademais das rúas adxacentes. Non se poderá utilizar a chaira do recinto multiusos da ría porque o Concello celebra alí o curso de condución en circunstancias adversas para mozas.