Unha das principais obras que o Concello de Culleredo acometerá nos centros de ensino do municipio, aínda sen ser da súa competencia, verá a luz este verán. O goberno local adxudicou, por 62.194 euros, a instalación dunha cuberta no CEIP Sofía Casanova de Vilaboa sobre o patio infantil do centro.
Coa contratación xa realizada, o Concello decidiu fixar o inicio dos traballos tras a finalización do período lectivo. Desta forma aproveitaranse as vacacións para evitar as molestias no desenvolvemento da actividade docente.
O obxectivo da actuación consistirá en protexer os pequenos das inclemencias meteorolóxicas. Así se garantirá que poidan usar os xogos con independencia da choiva.
A cuberta proxectada terá unha estrutura de madeira laminada e tratada, dado que se atopa á intemperie e preto do mar. O teito, a unha auga, terá material translúcido para preservar a entrada de luz ás aulas da planta baixa.
O investimento realízase a cargo do superávit acadado polo Concello. Non será a única obra que o goberno local realizará no Sofía Casanova baixo este plan. O Concello renovará a pista polideportiva do centro, utilizada tanto para a docencia como para a práctica deportiva de clubs e veciños, ademais de actividades municipais.
O alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, resalta que desde o goberno municipal están a facerse "todos os esforzos posibles" por contribuír a mellorar as prestacións dos colexios. Aínda que sexan da Xunta, o rexedor entende que é "prioritario" que os veciños conten con óptimas condicións educativas. O primeiro edil avanza que o plan de cubrir patios continuará posteriormente co CEIP Ría do Burgo.
Así mesmo, o Concello executará este ano melloras nos parques infantís do catro colexios do municipio. As obras consistirán en renovación do firme, para dotalos de maior seguridade, e reparacións de xogos. Os investimentos previstos son no CEIP Ría do Burgo de 89.612,87 euro; no CEIP Sofía Casanova, de 30.111,89 euros; no CEIP Tarrío, de 34.353,86 euros; e no CEIP Isaac Díaz Pardo, de 54.034,20 euros.
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER