As festas patronais do Burgo comezan mañá coa previsión de traer miles de persoas a Culleredo. Son un dos festexos referencia en Galicia, e os veciños espéranas con expectación. Combinarán as verbenas, cos postos, grandes atraccións, churrascada ou os xa míticos fogos artificiais.
O Concello terá un plan especial de tráfico focalizado na seguridade do peón, co reforzo diario de patrullas da Policía Local, que ademais apoiarán á Garda Civil no operativo de seguridade que establecerá.
Como serán miles as persoas que acudan a pé ao recinto da festa, a Policía Local establecerá unha regulación nos pasos de peóns da contorna. Na avenida da Coruña, principal acceso á zona das festas, xa se instalaron valos que ampliarán a zona reservada aos viandantes.
A avenida Juan Carlos I permanecerá cortada desde a glorieta da avenida da Coruña ata a rúa Anxo Senra. O corte comezará o xoves, venres e martes ás 17.00 horas, e o sábado, domingo e luns ás 12.00 horas.
En canto aos aparcadoiros, o Concello habilitará unha gran parcela xunto ao botánico e os parkings en superficie e subterráneo do hipermercado de Gadis, en virtude do convenio asinado. Serán máis de 2.000 as prazas que se cren.
O Concello de Culleredo recomenda aos que acudan ás festas en coche que collan a avenida Juan Carlos I en Fonteculler e seguindo as indicacións de Protección Civil e Policía Local estacionen xunto ao botánico. Desde aí poderán acceder a pé até o recinto das festas comodamente polo paseo marítimo.
Para persoas con mobilidade reducida, o Concello creará zonas especiais no aparcadoiro de Gadis e na rúa Templarios. Haberá polo menos 20 prazas destas características.
En materia de seguridade cidadá, a Garda Civil terá un dispositivo especial, con patrullas de reforzo e o grupo de seguridade rural. Terán a colaboración da Policía Local e Protección Civil para calquera requirimento.
O primeiro tenente de alcalde, José Ramón Rioboo, sinala que se creou un plan amplo e acorde cunhas festas de primeiro nivel en Galicia como as do Burgo. Rioboo fai un chamamento aos cidadáns para gozar dos festexos con tranquilidade, sen alcol ao volante, e atendendo en todo momento ás indicacións dos efectivos de seguridade.