Con obxecto de incrementar a seguridade viaria, o Concello de Culleredo leva a cabo un plan de reforzo da sinalización horizontal nas rúas do municipio. Está centrado nos puntos que requiren dunha mellora do pintado, que polo uso foise desgastando.
A primeira fase do plan, que foi elaborado pola Policía Local de Culleredo, aborda as prazas de estacionamento reservadas para persoas con mobilidade reducida e parte dos pasos de peóns e interseccións. Xa está prevista unha segunda e terceira fase que completará os pasos de peóns e abordará outros puntos como as zonas de carga e descarga e en xeral calquera outro punto viario con necesidade de renovar o pintado.
Foi o caso, por exemplo, do cruzamento da rúa Alcalde Domingo Sierra coa Nacional 550, en Vilaboa, un dos máis complexos do municipio. Alí o Concello renovou toda a sinalización horizontal, incluíndo as marcas para evitar a parada de vehículos no medio do cruzamento, claves para fluidez da circulación.
O primeiro tenente de alcalde, José Ramón Rioboo, explica que o plan se acomete antes da chegada do inverno para ter a rede viaria nas mellores condicións de seguridade viaria, algo para o que o pintado adecuado é fundamental.
Entre os lugares obxecto do plan destaca os aparcadoiros para persoas con mobilidade reducida, cuxa visibilidade é moi necesaria para fomentar o seu uso correcto. Neste sentido, o mes que vén, o Concello emprenderá unha campaña de concienciación xunto con ASEM (Asociación galega contra as enfermidades neuromusculares).
O Concello vai colocar en todas as prazas que existen no municipio unha placa metálica no propio sinal co slogan: "Ponte na miña pel, non na miña praza". Vanse a imprimir en placa metálica para que perduren, xa que a finalidade é deixar esa mensaxe de forma permanente.
O primeiro tenente de alcalde explica que se detectou certo uso indebido destas prazas para pequenas paradas, uso que non se debe facer nunca, nin aínda que sexa un minuto, apunta.
Esta campaña combinarase cunha vixilancia e actuación por parte das forzas de seguridade. A Policía Local continuará coa súa revisión periódica dos cartóns de estacionamento para asegurar a súa validez.
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER