Cheas de iniciativa e decisión, as mulleres do rural de Culleredo móstranse dispostas a pór todo o seu empeño en terminar coa fenda dixital. Esa foi a premisa inicial que manifestaron hoxe no inicio da xornada conmemorativa do Día Internacional da Muller Rural, organizada polo Concello de Culleredo na reitoral de Celas.
O goberno local orientou a celebración a unha formación que no fondo escondía un impulso a unha filosofía: a de que o rural non sexa un freo ao seu desenvolvemento. O acto incluíu un taller sobre as ferramentas dixitais que poden ter á súa disposición as veciñas para a súa rutina diaria, incluíndo o seu traballo.
A concelleira de Benestar Social, Lupe Pombo, acompañada polo primeiro tenente de alcalde, José Ramón Rioboo, foi a encargada de abrir a xornada, que levaba por título "Lonxe e preto". A edila preguntou ás asistentes, máis de 30, polas súas expectativas, e aí xa puido comprobar as súas ganas de experimentar coas redes sociais, por exemplo, para tamén aproveitar esas posibilidades.
"Vivir no rural pode xerar oportunidades, non debe ser nunca un freo a nada", apuntou. Pombo xa avanzou que confiaba en que esta fose a primeira experiencia de moitas para apoiar o acceso dixital á muller rural.
O Día Internacional dá Muller Rural é unha data pensada para visibilizar o importante papel da muller no ámbito rural, algo especialmente relevante en Galicia.