O Concello de Culleredo abre o período de inscrición para a segunda edición do curso de micoloxía. A iniciativa alcanza este ano a súa XXII edición con gran expectación entre os veciños. O prazo de preinscrición ábrese o mércores 2 de novembro e prolongarase ata o 8 de novembro. O pago da actividade poderase facer do 10 ao 14 de novembro. Para facela hai que acudir á Concellería, sita no Centro Municipal de Formación e Emprego "Pablo Picasso" do Burgo (teléfono 981 664 204), en horario de 9.00 a 13.30 horas.
Este segundo curso, de catro días de duración, celebrarase do 16 ao 19 de novembro. As sesións celebraranse na Casa dos Caseiros de Vila Melania (Vilaboa).
O XXII Curso de Micoloxía, organizado desde a Concellería de Desenvolvemento Socioeconómico, ten como obxectivo que as persoas participantes aprendan a recoñecer, buscar e identificar os cogomelos. Os cursos combinan tanto a teoría coa práctica para impartir todas as competencias necesarias na materia. A parte práctica desenvolverase o último día de cada curso e consistirá nunha saída ata Torre Lavandeira, en Curtis, onde os participantes poñerán en práctica os coñecementos adquiridos na parte teórica, mediante a recollida dos cogomelos, sempre baixo a supervisión do docente do curso.
O horario das sesións será 20.00 a 21.30 horas. O custo do curso é de 10 euros para empadroados e 12 para non empadroados. O Concello oferta 50 prazas para esta segunda edición do curso, é dicir, un total de 100. Serán asignadas por orde de inscrición. Só se poderá participar nun dos dous cursos.