A Policía Local de Culleredo abriu as súas portas aos escolares do municipio. Alumnos de 6º de Educación Primaria dos colexios do municipio visitan a sede da Policía Local, en Fonteculler, para descubrir como traballan os axentes.
Trátase dunha actividade enmarcada no programa de educación para a seguridade viaria e cidadá que desenvolve a Concellaría de Educación en colaboración coa Concellaría de Seguridade Cidadá. Un total de 128 pequenos dos colexios de Vilaboa, O Burgo e A Ponte Pasaxe participan nas visitas esta semana.
Hoxe pola mañá tocou a quenda dos alumnos do CEIP Sofía Casanova que coñeceron as instalacións da sede, o equipamento da Policía Local e o seu parque móbil, que como sempre espertou gran expectación entre os pequenos.
O primeiro tenente de alcalde, José Ramón Rioboo, e a edila de Educación, Carmen Varela, acompañaron ao xefe da Policía Local, Ricardo Dovigo, nas súas explicacións didácticas aos alumnos. Os escolares probaron o alcoholímetro dos axentes, comprobando o resultado negativo.
Causou moito interese o funcionamento do sonómetro, que como sinalou o xefe da Policía emprégase para asegurar o cumprimento da normativa de ruídos. Os pequenos gritaron ata alcanzar os 134 decibeis, comprendendo as molestias que poden xerar.
Os alumnos aprenderon tamén como é o procedemento de intervención e como se organiza o corpo de seguridade ante unha incidencia. A actividade municipal pretende achegar aos escolares as forzas de seguridade para comprendan como é o seu funcionamento.